A seca deste verán obriga a extremar as precaucións
Por Redacción
Algunhas comunidades de montes de Pontevedra están a colocar estes días paneis informativos e carteis de aviso nas entradas dos montes veciñais. Neles se advirte dos perigos do monte (como a caída de árbores ou o mal estado das pistas forestais) de cara ao seu uso polos paseantes e sendeiristas que queiran disfrutar del.
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra ten convidado en numerosas ocasións aos veciños e especialmente aos habitantes do ámbito urbano a visitar, percorrer e gozar dos monte comunais de Pontevedra, das súas paisaxes e da súa riqueza cultural e natural. Pero tamén reitera a petición de que este uso se faga "con prudencia e sentidiño" para evitar accidentes e danos aos usuarios e deterioro das condicións ambientais do monte.
Os carteis que nestes días están a colocar algunhas comunidades de montes nos accesos aos terreos comunais forman parte dunha campaña acordada no seo da Mancomunidade de Montes para previr estes accidentes e evitar "usos abusivos" do monte.
RISCO DE ACCIDENTES E INCENDIOS
A Mancomunidade de Montes emitiu un comunicado no que quere recordar aos posibles usuarios a normativa vixente, que prohibe terminantemente, nos meses de risco alto, o uso no monte de vehículos a motor (como automóbiles, motocicletas ou quads) que non sexan vehículos de servizo do propio monte (tractores, remolques e outra maquinaria forestal) e mesmo estes deberán contar coa debida autorización da Xunta de Galicia. Os ciclistas non poderán abandonar as pistas forestais e os grupos numerosos e as competicións deportivas deberán contar cos preceptivos permisos e autorizacións, incluídos os da comunidade de montes correspondente.
"O monte veciñal do concello de Pontevedra atópase en bo estado"
MONTE COIDADO, PERO SECO
Os comuneiros sinalan que "o monte veciñal do concello de Pontevedra atópase en bo estado", froito dos plan de traballo dos comuneiros e das axudas do Concello de Pontevedra a través do plan Monte Vivo.
Algunhas comunidades de montes realizaron traballos de roza e limpeza no pasado ano e outras están a empezar nestes días. En moitas parcelas medrou na primavera un manto de herbas e fentos que en condicións normais mantería a terra cun grao de humidade óptimo para evitar un risco alto de lume. Pero a escaseza de chuvias dos últimos meses está a provocar a seca acelerada deste manto, agravando o perigo de incendios forestais. Ante esta situación, a Mancomunidade de Montes reclama de todos os usuarios do monte que "extremen as precaucións e eviten accións que poidan representar o aumento do risco de incendios".
Recordan que a Lei de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Galicia establece criterios moi restritivos de acceso e uso do monte nos meses de risco alto e fortes multas en caso de sanción.
VIXILANCIA E DENUNCIA
As comunidades de montes están a establecer dispositivos de vixilancia ante o perigo de incendios forestais, dadas as condicións de seca que se están a producir.
Advirten que denunciarán calquera acción de usuarios e particulares que supoña un uso non permitido do monte, que agrave os procesos erosivos ou que constitúa un aumento do perigo de incendio forestal. Actualmente están a denunciar diante da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra as prácticas realizadas por varios particulares, que abandonan no monte os restos forestais procedentes de cortas, agravando o risco de lume no monte e incumprindo claramente a normativa establecida sobre prácticas forestais.
Alegan que de pouco serve que os terreos veciñais estean en bo estado forestal se os matos dos particulares están con gran número de maleza seca que supón alto risco de incendio. Este risco vese moi incrementado no caso de abandono dos restos das cortas de madeira, práctica bastante estendida entre os propietarios particulares.