Falece José Luis Bóveda, fillo de Alexandre Bóveda
Por Redacción
Xosé Luis Marcos Bóveda Alvarez, fillo do ilustre galleguista Alexandre Bóveda, faleceu na madrugada do sábado en Ourense, aos 81 anos de idade, como consecuencia dun paro cardíaco.
Os seus restos serán velados pola súa familia e os seus amigos no tanatorio das Burgas, ata as 17.45 horas deste domingo, cando se celebrará unha pequena cerimonia relixiosa previa ao enterro e no mesmo tanatorio. Ás seis e media da tarde, os seus restos mortais serán trasladados ao cemiterio de San Francisco, onde será enterrado no panteón familiar.
Xosé Luis era vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, cuxos voceiros emitiron un comunicado non que o sinalan coma o "merecido herdeiro dun compromiso coa nazón pola que tanto loitou e morreu seu pai. Herdanza envelenada con forma de represalia que soubo converter, no seu caso, na procura da merecida dignificación do seu pai, maila súa mai, Amalia".
Nesta semblanza apuntan que "o seu forte caracter, axudou non poucas veces ao fornecemento doa seus obxectivos. Do mesmo xeito que calquera galego de ben pódese apoiar na memoria de Bóveda, como exemplo de compromiso cunha terra, nós seguiremos a construir o futuro axudados pola de Xosé Luís".