Francisco Moldes e Ricardo Mirón declaran como imputados pola súa etapa como presidentes da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os ex presidentes da Cámara de Comercio de Pontevedra Ricardo Mirón e Francisco Moldes prestaron declaración este luns en calidade de imputados no Xulgado para explicar a xestión que se realizaba dos eventos organizados polo ente durante as etapas nas que ambos os dous estiveron á fronte. Segundo transcendeu, ambos os dous sinalaron que descoñecían as presuntas irregularidades que ve o fiscal.
Ao longo da mañá tamén foron chamadas a declarar o contable da Cámara, Manuel de Vicente, e a irmá da secretaria cameral, Isabel Lorenzo. Todos están imputados por varios delitos, entre eles os de fraude de subvencións e falsidade documental polas facturas emitidas e a forma en que se contratou unha empresa externa a xestión de eventos como Ferpalia, Pomóvil ou Pontus Veteris.
Ao termo da súa comparecencia no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, Ricardo Mirón indicou, en declaracións a PontevedraViva, que afrontou "tranquilo" o trámite, pois "realmente no hubo nada". Segundo aclarou, o fiscal Jesús Calles quixo saber detalles sobre os eventos en xeral que organizaba a Cámara, sen deterse en ningún en particular.
Esta toma de declaracións enmárcase nunha das tres investigacións abertas pola Fiscalía de Pontevedra sobre a Cámara de Comercio de Pontevedra. Nesta ocasion, abriuna Delitos Económicos a raíz da denuncia por presuntas irregularidades realizada por ex empregados da Cámara de Comercio. Ademais destas catro persoas, hai imputadas polo menos nove máis, entre eles oito integrantes do Comité Executivo da Cámara de Comercio entre 2009 e 2012 e a secretaria xeral, Rosario Lorenzo.
A investigación lévaa un dos dous fiscais de delitos económicos, Jesús Calles, que está a tratar de descubrir como operaba a Cámara á hora de contratar as feiras, que se pagaban con fondos públicos de institucións como o Concello de Pontevedra e deu lugar a facturas corrixidas en varias ocasións. Esas presuntas irregularidades que investiga o Ministerio Público detectounas tamén o Consello de Contas nun informe demoledor sobre a xestión económica da entidade.
Relacionadas:
-
Malestar entre o tecido empresarial pola "pérdida de peso" de Pontevedra na nova Cámara de Comercio fusionada
Por Redacción |
-
Piden que o Concello reclame á Cámara de Comercio o diñeiro "irregularmente cobrado" por Ferpalia e Pomóvil
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta traslada á Fiscalía un informe sobre a Cámara de Comercio para que decida se na súa xestión hai delito
Por Natalia Puga |
-
Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno
Por Redacción |
-
Desbloquean o proceso xudicial por presuntos cobros irregulares contra a secretaria da Cámara
Por Natalia Puga |
-
O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia
Por Natalia Puga |