Detidos tres mozos tras intentar arrastrar co seu coche á Policía Local e golpear varios axentes con patadas e puñazos
Por Oskar Viéitez
Tres mozos que foron sorprendidos pola Policía Local facendo trompos co seu coche no campus foron detidos despois de fuxir, arremeter co seu coche a un vehículo patrulla e golpear os axentes.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra, o incidente tivo lugar na tarde-noite do xoves cando os axentes dunha patrulla que estaba de servizo no campus universitario observa como un Volkswagen Golf realizaba arrancadas bruscas, aceleróns e trompos nun vial sen saída.
Neses momentos había no campus numerosos mozos que participaban na celebración de Santa Katabirra, a festa patronal dos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ante o perigo que supoñía esta condución temeraria os municipais procederon a darlle o alto ao vehículo.
Cando os axentes chegaron á altura do condutor, este acelerou obrigando un deles a botarse a un lado para evitar ser atropelado. Iniciouse entón unha persecución pola zona urbana ata que un coche patrulla conseguiu bloquear o paso do Golf na rúa Alexandre Bóveda pero, de novo, cando os axentes se dispoñían a identificar os ocupantes, o condutor arrancou bruscamente golpeando o vehículo oficial, momento no que se detivo.
Foi entón cando os policías conseguiron abrir a porta do condutor, un mozo de 21 anos, que tivo que ser engrilletado, ao igual que os seus acompañantes, outros dous mozos de 22 anos que reaccionaron con patadas e puñazos ao requerirlles súa documentación, intentando un deles fuxir a pé.