Ponte Caldelas inicia os preparativos para a Festa da Troita
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, comezou a organizar xa a XLIX Festa da Troita coa primeira reunión técnica con delegados da Federación Galega de Pesca e a Sociedade de Caza e Pesca "Verdeseixo" para analizar os pormenores do Concurso Internacional de Pesca Fluvial que terá lugar o 30 e 31 de maio.
Os asistentes á reunión valoraron moi positivamente os resultados do certame do pasado ano e apostaron por continuar destinando o tramo comprendido entre o antigo Balneario e a área recreativa da praia fluvial ao concurso en categoría veteranos, xuvenil, damas e infantís en modalidade de pesca sen morte.
Como é tradicional, o Concurso Internacional de Pesca desenvolverase nas categorías de sénior, veteranos, xuvenil, damas e infantil e terá lugar durante os días 30 e 31 de maio en diferentes tramos do río Verdugo ao seu paso polo municipio de Ponte Caldelas. Os trofeos aos gañadores entregarase na Alameda nun acto oficial que terá lugar xunto aos postos de degustación da Festa da Troita, o domingo 31 de maio.
A organización do evento deportivo correrá a cargo da Delegación Provincial da Federación Galega de Pesca, en colaboración da Sociedade de Caza e Pesca "Verdeseixo" de Ponte Caldelas e a Sociedade de Caza e Pesca de Cotobade e co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas.
A novidade deste ano é que o concurso sénior e veterano se celebrará nunha soa manga
A novidade deste ano é que o concurso sénior e veterano se celebrará nunha soa manga na xornada da mañá do sábado. Iso permitirá que os pescadores poidan gozar a tarde tranquilamente na vila e dos actos programados con motivo da festa. Pola súa banda, o concurso en categoría xuvenil, damas e infantil desenvolverase o domingo das 8:30 horas ata as 11:30 horas da mañá.
O concurso levarase a cabo no couto de Ponte Caldelas, tramos 1 e 3, (exceptuando a zona de pesca sen morte, entre a Presa de Coveliño e a do Balneario) e no de ponte Verdugo, tramo 2 con límite superior en Ponte Carrizáns e inferior na Presa dos Muíños de Castro Bo.
PESCA SEN MORTE
Para as categorías de veteranos, xuvenís, damas e infantís o tramo de pesca será o couto sen morte, entre a Presa de Parada e a presa da praia fluvial (área recreativa) polo que o concurso se rexerá por esta modalidade. As troitas capturadas, unha vez medidas pola organización, serán devoltas ao río.
Os aparellos utilizados para esta modalidade serán culleriñas dun só anzol ao que se lle deberá inutilizar o arponciño ao igual aos anzois, para evitar danos innecesarios ao exemplar capturado e garantir unha mellor recuperación á hora de solta, de novo, no río Verdugo.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas preparará 800 quilos de troita para servir na 49 edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
O Verdugo dá a benvida a 3.000 novas crías de troita
Por Redacción |
-
10 de maio, nova cita coa BTTroita de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Abre o plazo para participar nos concursos de carteis e fotografías da Festa da Troita
Por Redacción |