Agustín Fernández acusa á Xunta e á Deputación de non afrontar obras nos colexios públicos de Pontevedra
Por Redacción
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, afirma que Pontevedra leva seis anos á espera de que se cumpra o plan de obras comprometido coa Xunta de Galicia para garantir o bo estado dos 20 colexios públicos do municipio.
Fernández cualifica como indigno o acto celebrado na Deputación na que a institución provincial achega case 1,4 millóns de euros, tras a firma do convenio co novo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.
O concelleiro pontevedrés indica que o goberno local presentara unha proposta para amparar obras por un total de 4 millóns de euros cunha repartición dun 60% para a Xunta e un "máis que xeneroso" 40% para o Concello sen que se teña acometido. Desta forma, apunta que os colexios de Pontevedra son atendidos maioritariamente polo Concello e só reciben investimentos puntuais da Xunta de Galicia.
Segundo sinala, unha reposta oficial no Parlamento Galego demostra que, durante 2013, a Xunta investira nos colexios da capital a metade que o Concello. A institución municipal leva invertidos en solitario preto de 2 millóns de euros durante o actual mandato, "obras que se realizan sen a menor coordinación entre as dúas administracións". Agustín Fernández recorda que á Xunta lle corresponden todos os grandes investimentos de reforma, ampliación e mellora dos centros.
Relacionadas:
-
Os colexios apuran as últimas obras antes da volta do alumnado
Por Redacción |
-
Cores Tourís sostén que a Xunta inviste 2 millóns de euros nos centros educativos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Agustín Fernández reúne as ANPAS de Pontevedra para escoitar as súas propostas
Por Redacción |
-
Rematan as obras municipais nos colexios de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |