Nace Prosagal, un "Podemos" sanitario que quere defender os profesionais dos centros de saúde públicos
Por Anxo Lourido
Independentes, sen experiencia sindical e coas mellores intencións nace a Agrupación de profesionais da saúde de Galicia (Prosagal), un colectivo de defensa dos dereitos dos traballadores sanitarios. Así se presentaron este xoves 26 na que as principais representantes manifestaron que están "fartos" ante o que consideran abusos por parte do Sergas ao vulnerar os dereitos laborais e ignorar as sentenzas xudiciais que os avalan.
Carolina Iñarrea, portavoz de Prosagal, indicaba que sufriron o aumento da xornada laboral, negándoselles o dereito a gozar dos LDs (moscosos), a pesar de contar con oito sentenzas firmes que o Sergas non executa. Esta asociación xa presentou unha denuncia penal reclamando a execución destes fallos xudiciais.
Ademais dende o colectivo denuncian que aos traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) lles restan da súa xornada os días por enfermidade dun familiar, as horas por cursos ou as de votación e afirman que este tipo de decisións rematan por repercutir na falta de contratacións. Por este motivo, queren solicitar unha reunión coa directora xeral de Recursos Humanos do Sergas e coa Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.
Estes traballadores séntense abandonados polos distintos sindicatos ao entender que non defenden os dereitos dos sanitarios. Por ese motivo presentaranse ás eleccións sindicais convocadas para o 6 de maio. Carolina Iñarrea indica que a candidatura lla están a poñer difícil porque, entre outras medidas, esta agrupación rexeita as liberacións sindicais ao entender que están a ser mal utilizadas.
A agrupación nacida en Pontevedra suma xa máis de 400 profesionais sanitarios e o seu próximo paso consistirá en estenderse por toda Galicia para recoller todas as demandas deste colectivo.