En bicicleta para reclamar máis seguridade para peóns e ciclistas na autovía de Marín
Por Redacción
Reclamar unha vía segura para ciclistas e peóns nos seus desprazamentos entre Pontevedra e Marín. Esa será a finalidade coa que se celebrará este ano a Pedalada 2015, unha marcha ciclista que organizan Masa Crítica Pontevedra, a asociación Pedaladas e o Concello de Pontevedra. Será ademais un evento moi emotivo pois servirá de homenaxe para as dúas persoas que faleceron na PO-11, coñecida como Autovía de Marín, nos últimos anos.
Desde a organización queren facer un recordo especial con esta pedalada popular aos ciclistas Manuel Mesías, o veciño de Marín que faleceu o pasado mes de xaneiro nesa estrada, e Cristóbal Hermida, presidente do club ciclista de Bueu, que perdía a vida na mesma vía hai xa dous anos.
A homenaxe consistirá nunha ruta ciclista que partirá ás once e media da mañá do próximo 12 de abril da praza de España de Pontevedra. Percorrerá posteriormente as rúas da cidade e atravesará a autovía de Marín ata Os Praceres, volvendo ás doce e media da mañá á rotonda de Malvar, lugar onde se procederá á lectura dun comunicado e a inauguración dun monumento conmemorativo.
A esta pedalada xa confirmaron asistencia os clubs ciclistas de Bueu, Marín e outros puntos da provincia. Contará ademais, entre outros, co apoio da Federación Galega de Ciclismo.
Ademais, Masa Crítica e Pedaladas queren aproveitar este evento para denunciar que o informe presentado pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) que avoga por prohibir o tránsito de peóns e ciclistas tanto pola PO-11 como pola PO-12 -o inicio da autovía nas Corbaceiras- "prexudica ao colectivo ciclista, aos pescadores e mariscadoras e á ruta que todos os anos se fai polos milagres de Amil".
Recordan que estas vías non teñen as características de autopista ou autovía "polo que sería unha anomalía dentro da rede viaria prohibir o seu uso para peóns e ciclistas".
A proposta que fan estes colectivos é que a estrada entre Mollabao e Estribela ao ser un tramo de 2,7 quilómetros dentro do mesmo municipio e ao ter características urbanas "debería ter o límite a 50 quilómetros por hora" e contar cun radar de control de velocidade, por ser un punto negro na rede viaria.
Relacionadas:
-
Chamamento aos pontevedreses para poñer fin ao vandalismo no monumento aos ciclistas falecidos
Por Redacción |
-
Masa Critica, catro anos reivindicando un espazo para as dúas rodas
Por Redacción |
-
O colectivo Masa Crítica equipa as súas bicicletas con cámaras para denunciar aos vehículos infractores
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Multitudinaria pedalada para pedir unha vía peonil e ciclista segura entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga |
-
Volve Pontenbici, actividades para fomentar o uso da bicicleta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Un informe de Tráfico aconsella prohibir o paso de peóns e ciclistas pola autovía de Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Masa Crítica, tres anos pedaleando para reivindicar o espazo dos ciclistas na calzada
Por Diego Torrado |
-
Arredor de 500 estudantes participan o xoves na pedalada Instienbici
Por Redacción |
-
As 'pedaladas' son para a primavera
Por Diego Torrado |