A Brilat transfire o mando da misión de Afganistán
Por Redacción
A Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) deixou de estar ao mando da misión do exército español en Afganistán. A seguridade da base e do aeroporto de Herat xa non está en mans do batallón Zamora da Brigada con sede en Figueirido, senón que a asumiu o Grupo Táctico Fuerteventura.
Segundo informa o Exército de Terra, o venres 20 de marzo celebrouse o acto de transferencia de autoridade. O xefe da misión de apoio e asesoramento aos mandos militares afgáns no sector oeste, o xeneral italiano Michele Risi, depositou a bandeira da OTAN que lle entregou o xefe saínte, o tenente coronel Manuel J. De Diego, ao novo xefe, o tenente coronel Juan A. Bote.
Tras ese acto, que simbolizou o traspaso do mando dun a outro, os últimos militares da Brilat que quedaban en Afganistán emprenderon o regreso á casa e está previsto que este mércores 25 de marzo se produza o regreso do terceiro e último voo de soldados procedente do país asiático.
O Fuerteventura (integrado maioritariamente por persoal do Rexemento Soria número 9) tomou o relevo para desenvolver as mesmas tarefas que nos últimos catro meses veu executando o Grupo Táctico Zamora, formado sobre a base do Rexemento Isabel La Católica 29. A misión a Alianza Atlántica que desenvolven foi bautizada como Resolute Support.
Os seus labores fundamentais son proporcionar a seguridade inmediata e próxima á base de Camp Area, na que conviven con militares e civís de múltiples nacionalidades, realizando tarefas propias dunha unidade de protección da forza.
Relacionadas:
-
Parada militar da Inmaculada na Brilat coa ollada posta no que decida a OTAN
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Regresan de Afganistán os últimos efectivos da Brilat despregados na zona
Por Redacción |
-
Sexta misión (case) cumprida en Afganistán
Por Redacción |
-
O selfie de Soraya cos militares da Brilat en Afganistán
Por Redacción |
-
A Brilat despide os 280 militares que asumirán en Afganistán unha misión con risco "calculado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat asume en Afganistán a seguridade da Base de Apoio e aeroporto de Herat
Por Redacción |