Perfecto Rodríguez convoca ós veciños para informar do crematorio da Reigosa
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manterá unha reunión informativa, aberta á participación de todos os veciños da Reigosa, para aclarar a polémica xurdida pola licenza concedida para a instalación dun crematorio nunha parcela do Parque Empresarial. O encontro terá lugar o mércores ás 21 horas na Casa do Pobo da Reigosa.
Perfecto Rodríguez pretende aclarar aos veciños todo o proceso seguido sobre este asunto que se remonta no tempo ao ano 2013, cando dende o PP de Pontevedra se formulou a posibilidade de que se instalase un crematorio no parque empresarial da Reigosa.
Dende o goberno local recordan que por aquel entón nunha reunión coa directiva da Comunidade de Montes da Reigosa, para tratar temas relativos á rede de sumidoiros que se ía construír neste lugar, se falou de xeito informal sobre este asunto e o alcalde lles informou que, naquel momento, "non se instalaría ningún crematorio porque ningunha empresa se interesara nin tiña formalizado petición ningunha".
O rexedor de Ponte Caldelas recorda que o parque empresarial da Reigosa está rexido por unha normativa moi estrita que obriga as empresas que se queiran instalar alí a contar con toda unha serie de requisitos. De feito, asegura que para a tramitación da licenza que se presentou un ano despois de toda aquela polémica, en maio de 2014, se pediron á empresa todos os informes sectoriais que esixe a lexislación actual para verificar que o proxecto se axustaría á lei. Ata non completar totalmente o expediente non se concedeu a autorización.
O informe de Medio Ambiente establece literalmente que o proxecto do crematorio non necesita obter declaración de incidencia ambiental, por ser unha actividade inocua.
En canto á idoneidade deste proxecto para o Parque Empresarial, o rexedor manifestou que para a instalación de calquera empresa neste polígono non depende da opinión dos veciños e cidadáns, nin sequera do alcalde, senón á observancia da lei. "Hai empresas que teñen que cumprir requisitos máis esixentes dende o punto de vista dos condicionantes ambientais, e que son supervisados pola Consellería, e aínda máis estritos que os que se piden para o propio crematorio e non tiveron problema ningún".
"O parque empresarial non é do Concello nin dos veciños. Calquera empresario que compre unha parcela e presente un proxecto que cumpra escrupulosamente a lei e solicite a correspondente licenza, unha vez examinado e ditaminado positivamente polos técnicos, ten que dispoñer de licenza", dixo o alcalde.
"As licenzas non se conceden de forma arbitraria nin por capricho do alcalde correspondente, senón por criterios regulados e acordes á lei. Pola contra estaríase a vulnerar a lei e incorreríase nun delito de prevaricación", sinalou Perfecto Rodríguez.
REDONDELA E VIGO
O alcalde acusa ao PSOE de "confundir á cidadanía de boa fe e fomentar o alarmismo, a confusión e mesmo o terrorismo informativo"
Perfecto Rodríguez referiuse tamén aos crematorios existentes actualmente na provincia, un en Redondela e dous en Vigo, e asegurou que todos eles se encontran situados a menos de 200 metros das vivendas e no caso da cidade olívica, o de Emorvisa, en Pereiró, está en plena zona urbana, e o Vigo Memorial, na suba ao CUVI, está situado a uns 150 metros do instituto Carlos Casares "e ningún deles levantou a polémica nin a protesta veciñal porque son totalmente inocuos. Mentres que o da Reigosa está nunha zona industrial e a 500 metros dos núcleos habitados. Calquera caldeira da maioría das empresas que hai no Parque do Campiño é máis contaminante que a do crematorio, que require duns requisitos ambientais máis esixentes", dixo o alcalde.
TERRORISMO INFORMATIVO
Finalmente, o alcalde asegura que esta polémica está "sobredimensionar e alimentada de xeito espurio polo Partido Socialista que ve na proximidade ás eleccións municipais unha baza para confundir á cidadanía de boa fe e fomentar o alarmismo, a confusión e mesmo o terrorismo informativo a través da distribución de panfletos de mal gusto con imaxes trucadas e falseadas con fumaredas negras, máis propias da queima de pneumáticos que non da actividade que estamos a tratar, citando ademais un suposto crematorio de Meis que nin sequera existe".
Rodríguez sinalou que "se eu tivese intereses electorais e necesidade de ocultalo, como acusa falsamente o voceiro do PSOE, esperaría a que pasase o 24 de maio e non lle tería informado puntualmente á oposición da concesión da licenza do crematorio, como se fixo, tal e como facemos con todas as licenzas que se outorgan no Concello", concluíu o alcalde de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
"Una barbacoa para chuletas contamina más que un horno crematorio"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A imaxe repítese: segundo sábado de protestas contra o crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
Os veciños maniféstanse para amosar o seu rexeitamento ao crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
A Reigosa prepara mobilizacións e denuncias contra a instalación do crematorio
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide aos veciños de Ponte Caldelas que loiten contra a "tramitación franquista" dun crematorio
Por Redacción |
-
A Reigosa aproba mobilizacións contra a instalación dun crematorio no polígono
Por Redacción |
-
O PSOE de Ponte Caldelas critica o "ocultismo" do goberno local por aprobar un crematorio na Reigosa
Por Oskar Viéitez |