En marcha o programa Convive, un 'Hermano Mayor' para estudantes expulsados
Por Redacción
Os estudantes expulsados temporalmente dos centros de ensino de secundaria ou que presenten condutas disruptivas poderán formar parte do programa Convive, unha iniciativa que impulsa o Concello de Pontevedra, a través da concellaría de Educación, en colaboración coa Federación de Nais e Pais de Pontevedra (FANPA) e coa asociación ADAHPO.
Establécense ao redor de 35 prazas para acoller alumnos que se encontran nesta situación nos centros educativos. Montse Álvarez, presidenta de Adahpo, sinala que se producen numerosas expulsións por un prazo de tres ou cinco días en Pontevedra e que en ocasións, acaban derivando en castigos de ata un mes fóra do centro de estudos. Por este motivo, o programa Convive establece unha opción para que estes alumnos realicen actividades dentro dun tratamento terapéutico no que se analiza de xeito individual a situación de cada un destes mozos.
Neste sentido búscase que as expulsións non sexan un premio nin tampouco un lugar para facer os deberes. Desta forma, este programa ofrece unha alternativa para os mozos que mostran problemas de adaptación e axudalos a mellorar a convivencia, diminuír o absentismo escolar e aumentar as taxas de éxito a través dunha intervención psicoterapéutica. Segundo apuntou Montse Álvarez implícase a todo a comunidade educativa para facer unha avaliación dos nenos e á familia, que é fundamental para o desenvolvemento deste programa.
Leticia Gómez, psiquiatra de Adahpo, sinalaba que estas condutas na aula que se relacionan moitas veces cos alumnos que se consideran vagos, faltones ou maleducados mostran transtornos que ás veces non están identificados. Con este programa quérese realizar un diagnóstico para realizar o tratamento individualizado.
ACTIVIDADES FAMILIARES
Na presentación, Rogelio Carballo, presidente da FANPA de Pontevedra, acompañado polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, tamén anunciou a posta en marcha do programa de ocio e tempo libre 'Conta comigo' dirixido a familias con alumnos nos colexios públicos do concello pontevedrés. Con esta proposta preténdese favorecer a participación das familias en actividades como a cociña, a risoterapia, a cestaría, o labor de gancho ou a patinaxe para compartir experiencias e diversión. Desenvolverase entre o 10 de abril e o 30 de maio. Os prazos de inscrición van do 16 ao 23 de marzo.