Os escolares de Ponte Sampaio, os primeiros en formarse en deporte, nutrición e coidado da diabete
Por Redacción
Os escolares do colexio de Ponte Sampaio recibiron este martes formación sobre o deporte, a nutrición e a súa importancia no coidado da diabete e no mantemento dun estado óptimo de saúde. Formaron parte da primeira das charlas do ciclo promovido pola asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (ANEDIA) e a Concellaría de Educación e Deportes do Concello de Pontevedra.
Todo o alumnado de Primaria do CEIP de Ponte Sampaio participou nesta actividade a través de tres charlas diferentes programadas a partir das nove e media da mañá e cunha duración aproximada duns 50 minutos.
A actividade correu a cargo de dous relatores, o atleta profesional Diego Castro, con diabete dende neno, técnico de animación sociocultural con experiencia no coidado de nenos e nenas con diabete e discapacidade motora e con formación específica en nutrición; e Mar Fontán, paciente experta en diabete do Sistema Galego de Saúde (Sergas) e nai dunha nena con diabete dende hai nove anos.
A través desta acción formativa, Anedia pretende dotar ao alumnado e profesorado dos coñecementos necesarios que permitan a integración en igualdade dos escolares con diabete, ao tempo que proporcionan a toda a comunidade educativa coñecementos básicos sobre diabete, deporte, alimentación e hábitos de vida saudables. Todo a través dunha charla que se desenvolve cunha metodoloxía didáctica, práctica e lúdica coa que se formen mentres conversan, observan e manipulan.
Ademais, como parte da programación da charla Diabete, deporte e nutrición, Anedia e a Concellaría de Educación e Deportes ofertan aos centros escolares a participación nun concurso escolar de debuxo titulado Diabete e Deporte, no que poderá participar todo o alumnado do centro educativo que reciba a formación en catro categorías diferentes: primeiro ciclo de Primaria, segundo ciclo de Primaria e terceiro ciclo de Primaria e Secundaria.
O premio será un cheque regalo de 50 e de 30 euros en material deportivo para o primeiro e segundo clasificado de cada categoría e haberá un agasallo especial para o centro educativo con máis porcentaxe de participantes; así como material bibliográfico específico de diabete para nenos a disposición de todas as bibliotecas escolares.
Ao longo dos días seguintes, estas charlas chegarán a centros de todo o municipio ata finalizar o 25 de marzo no CEIP de Xeve.
Relacionadas:
-
O alumnado de Ponte Sampaio aprende ao ritmo da eco-percusión
Por Redacción |
-
O Estado cede definitivamente ao Concello os terreos do colexio de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Como ven os nenos de primaria a diabete?
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
A deportista Susana Ruíz imparte unha charla sobre o dobre reto de facer montañismo con diabete
Por Redacción |
-
Os escolares pontevedreses formaranse en diabete, deporte e nutrición
Por Redacción |
-
Ruta polo río Tomeza para concienciar sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Os comedores de Pontevedra estrearán "de xeito inmediato" menús personalizados para escolares con diabete
Por Redacción |