Un incendio na gasolineira de Praceres provoca varias explosións e obriga a acordoar a zona
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un incendio na gasolineira de Praceres orixinado por causas ata agora descoñecidas activou todas as alarmas dos servizos de emerxencia de Pontevedra e Marín este mércores. O perigo considerouse superado arredor das 23.00 horas da noite, despois de ter que pedir aos veciños dun radio de 400 metros que saísen das súas casas e de máis de tres horas de tarefas de extinción, pero o traballo aínda ten por diante varias horas ata que os servizos de emerxencia poidan abandonar a zona con total seguridade.
Eran as 19.45 horas cando comezaba o incendio. Orixinouse, segundo transcendeu, dentro do recinto da estación de servizo. Afectou ao xerador de corrente dun depósito de gasóleo e posteriormente as chamas estendéronse a varios coches -cinco segundo diversas fontes- e un camión cisterna. Non se rexistraron vítimas persoais, pero si danos materiais moi importantes.
Ademais das chamas e o intenso fume negro que saía da gasolineira, producíronse unha serie de explosións, segundo confirman testemuñas visuais.
A estrada vella a Marín, a PO-546, foi cortada como medida de precaución entre o momento do incendio e as 23.00 horas da noite e inicialmente estableceuse un perímetro de seguridade duns 200 metros -que se foi ampliando gradualmente- que levou ás Forzas de Seguridade a pedir aos veciños das casas máis próximas á gasolineira a que saísen das súas vivendas, ás que puideron volver a partir das 23.30 horas.
O incendio considerouse controlado pasadas as 22.00 horas, aínda que os servizos de emerxencia seguiron traballando na zona e está previsto que continúen durante toda a madrugada. Tiveron que proceder con moito coidado debido á proximidade de varios tanques de combustible, para garantir a seguridade das instalacións e dos propios integrantes do dispositivo.
Ao lugar dos feitos desprazáronse, entre outros, as policías locais de Marín e Pontevedra, varias unidades dos Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, a Garda Civil de Tráfico, axentes da Policía Nacional e voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Pontevedra e Marín. Ademais, mobilizáronse varias ambulancias do 061 por se fora necesaria a súa participación no operativo.
TRES VIVENDAS
O incendio na gasolineira obrigou a desaloxar tres vivendas que se encontraban dentro dun radio de 400 metros, dúas dun lado da gasolineira que seguiron as indicacións da Policía Local de Pontevedra e unha do outro á que asistiu a Policía Nacional. En total, víronse afectados dúas persoas nunha casa, tres noutra e oito na última, se ben os datos desta terceira vivenda poden resultar dubidosos polas informacións achegadas polos seus moradores.
O Concello de Pontevedra puxo a disposición das persoas afectadas a posibilidade de desprazalas a outro lugar ou aloxalas nun hotel, pero ningunha quixo aceptar o ofrecemento e quedaron nas proximidades ata que ás 23.30 horas puideron volver á casa, segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que se desprazou ata a zona acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro Demetrio Gómez Junquera.
Dende o Concello de Pontevedra puxéranse ademais en contacto coa Brilat e cun albergue privado, por se fixera falta acoller as persoas que quedasen fóra do seu domicilio por culpa do incendio. Finalmente non foi necesario.
Relacionadas:
-
Cando Praceres foi devorada polo fume negro
Por Redacción |
-
Trasladar as gasolineiras do Burgo e Benito Corbal, obxectivo de Marea Pontevedra
Por Redacción |
-
As primeiras investigacións aportan "indicios" de que o incendio de Praceres foi "accidental"
Por Alejandro Espiño |
-
"Non hai mortos, non foi nada, pero o susto chegounos ben"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |