Polo e patacas para o comedor de San Francisco, que alcanza picos de actividade e custa 12.000 euros ao mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"A veces pensamos que todo está bien, pero cuando uno viene aquí se da cuenta de que hay mucha gente necesitada". O "aquí" é o comedor social San Francisco e o autor da frase o seu responsable, o pai Gonzalo Diéguez, que este mércores recibiu "moi agradecido" un donativo de polo fresco, patacas e alimentos non perecedoiros achegado pola asociación de veciños San Bieito de Lérez.
O pai Gonzalo, gardián de San Francisco, certifica que dende o inicio da crise aumentou a actividade do comedor. Nas últimas semanas producírase un pequeno descenso no número de usuarios, pero a tendencia volveu situarse nuns niveis similares aos do ano pasado, con picos de asistencia que en días como este mesmo martes levan ás instalacións do comedor social a 115 persoas, pero mantéñense sempre no ámbito dos 110 ou 108 -cifra deste luns, por exemplo-.
Para prestar servizo a todas estas persoas con escasos recursos que dependen do comedor para ter garantida a comida principal do día San Francisco mantén contratada unha cociñeira e unha asistenta social e conta coa colaboración de 20 persoas voluntarias axudan a que servir as mesas e atender aos usuarios.
Esta necesidade de ter persoal contratado sobe as facturas de manter aberto o comedor, un servizo que o pai Gonzalo calcula que custa 12.000 euros ao mes. O 85 por cento dos fondos saen dos donativos dos fieis no cepillo da igrexa de San Francisco, pero, ademais, os seus responsables contan con achegas económicas como os 12.000 euros anuais que achega o Concello de Pontevedra, a colaboración doutras entidades sociais e as doazóns de colectivos como os veciños de Lérez.
Os veciños de Lérez realizaron a súa doazón deste mércores a través da Redeaxuda tras poñerse en contacto coa concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, e saber que o comedor era o colectivo que máis encaixaba coas súas últimas actividades. En toda a programación que organizaron na parroquia durante o Nadal pediron aos asistentes que achegaran alimentos non perecedores ou diñeiro que posteriormente se destinaría a comprar comida para os máis necesitados.
Os preto de 350 euros recadados destináronse a comprar máis de 80 quilos de polo -a un prezo especial como colaboración da empresa Lago- e máis de 70 quilos de patacas. Entregáronse a San Francisco xunto a outros 100 quilos de patacas achegados pola empresa Ripatatas e varios cartóns de leite e outros alimentos non perecedores doados. Dado o éxito, o presidente dos veciños, Miguel Vilacoba, xa anunciou que repetirán a inciativa durante a próxima Festa da Orella, xa que "é un xesto solidario que deberiamos facer todos".
Relacionadas:
-
A Asociación O Torreiro cobre as principais demandas do comedor de San Francisco: aceite e embutidos
Por Redacción |
-
A iniciativa 'Pontevedra Run 100x1000' recada 350 quilos de alimentos para o Comedor de San Francisco
Por Redacción |
-
A Obra Social "la Caixa" entrega 60.000 euros a oito proxectos sociais en Pontevedra
Por Redacción |
-
O 'cepillo' da igrexa de San Francisco achega o 85% dos fondos para manter o Comedor social
Por Oskar Viéitez |