Obxectivo da Policía Local: acabar cos coches e motos que aparcan enriba das beirarrúas
Por Alejandro Espiño
A Policía Local de Pontevedra comezará o próximo luns unha campaña intensiva coa que pretende erradicar a "insolidaria" práctica de aparcar os vehículos enriba das beirarrúas de toda a cidade. Durante o pasado ano, preto dun millar de condutores de coches e motos foron multados por esta cuestión, un número que o goberno municipal pretende reducir de forma notable para mellorar a convivencia urbana.
Trátase dun número que "non se pode permitir", segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, "porque se gañou moito espazo público para aparcamentos", ao crear novas zonas exclusivas para motos en toda a cidade e que se estendesen a toda a cidade as áreas reservadas a servizos "que permiten estacionar durante quince minutos" sen ningún tipo de restrición e onde "hai espazos libres de sobra".
Os axentes da Policía Local, "sen deixar de cumprir ás súas obrigas" apuntou Da Silva, estarán especialmente pendentes a estes infractores co obxectivo de "protexer aos peóns". E é que segundo o goberno municipal esta práctica pode provocar estragos no mobiliario urbano e situacións de risco para os viandantes, especialmente aqueles con mobilidade reducida, ademais de que supón un "mal uso" dos espazos públicos.
O Concello de Pontevedra opta por anunciar publicamente o inicio desta campaña para que os condutores "entendan que non ou deben facer".
Aqueles condutores que son sorprendidos co seu vehículo aparcado enriba da beirarrúa son sancionados cunha multa de 100 euros.
AVANCE DA MEMORIA DA POLICIA LOCAL
Estas multas por aparcar enriba da beirarrúa recóllense tamén na memoria da Policía Local, cuxos datos foron avanzados este martes. Durante 2014 impuxéronse 13.770 multas e sancións, un número similar ao do ano anterior -só 48 máis-. Pero segundo Carme da Silva recadáronse 44.000 euros menos que en 2013, xa que a gravidade das sancións foi menor no seu conxunto.
A edil nacionalista sinalou que, polo tanto, a posta en marcha do 'multamóbil' non supuxo un aumento das sancións na cidade, senón que contribuíu a que a cidadanía "siga sendo responsable" e axudou a reducir a gravidade das multas que se impuxeron aos condutores que foron sancionados.
Relacionadas:
-
Sancionados "entre oito e dez" condutores ao día por aparcar os seus vehículos sobre as beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra denuncia que o multamóbil aparca sobre as beirarrúas
Por Redacción |
-
Inician os traballos para habilitar 70 novas prazas de estacionamento para motos na cidade
Por Redacción |
-
Acabou o período de probas: a partir do luns o 'ollomóbil' vixiará as rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |