Cuca garante a Fole que conservará o 100% da plantilla de Vilaxoán
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, e a concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, recibiron no Concello a Manuel Blanco e Jesús Crusat, representantes de Conservas Garavilla, o grupo propietario da empresa Cuca, co obxectivo de coñecer de primeira man os plans que a firma vasca ten para a planta emprazada en Vilaxoán.
O encontro deixou un sabor agridoce nos membros do goberno local xa que se constatou a firme decisión do grupo conserveiro a trasladar a actividade de Cuca á planta que teñen no Grove.
A decisión do traslado corresponde a unha estratexia empresarial necesaria para poder manter a marca "Cuca", a liña de conservas de alta gama ou "gourmet". Na actualidade, para poder soster a marca, a conserveira precisa incrementar a súa produción, unha medida que non é posible desenvolver nas instalacións de Vilaxoán debido á falta de espacio.
A parte positiva é que os representantes de Garaville garantiron que se conservará o 100% da plantilla , a marca "Cuca", tan ligada a Vilaxoán e tamén a totalidade dos postos de traballo indirectos que xeraba a conserveira no municipio. Isto é porque no Grove van instalar unha nova e máis grande liña de produción de Cuca. Dado que xa dispoñen do espazo, o investimento a realizar polo grupo conserveiro é menor, máis tendo en conta que aproveitarán parte da maquinaría da que dispoñen agora en Vilaxoán.
Garantiron que manterán todos os postos de traballo directos, pero tamén os indirectos
Segundo lle comunicaron ao alcalde, o grupo non ten interese algún en desenvolver urbanisticamente os terreos de Vilaxoán, co que o Concello quédase sen marxe de manobra para poder negociar dalgún xeito o mantemento da planta no municipio.
Non obstante, o rexedor ofreceulles aos representantes de Conservas Garaville a total colaboración do Concello en futuros plans da empresa que pasen por implantar algún tipo de actividade produtiva en Vilaxoán, como se desexa dende o Concello.
Pese á "mala noticia" que supón a decisión irrevocable traslado, os membros do goberno quixeron transmitir certa tranquilidade ás traballadoras e aos provedores de Cuca, xa que os representantes da conserveira garantiron que manterán todos os postos de traballo directos, pero tamén os indirectos, xa que continuarán traballando cos cocedeiros e provedores que tiñan en Vilagarcía, así como con empresas como Lantero ou Ardagh.
Reunión cos traballadores
Despois da reunión de hoxe, o alcalde e a concelleira de Traballo e Benestar teñen previsto recibir esta mesma semana aos representantes do comité de empresa de Cuca e do sindicato Comisións Obreiras, para informarse tamén do seu punto de vista sobre os plans de traslado.