Fernández Lores: "So hai unha persoa que non quere que me presente á reelección: a miña muller"
Por Oskar Viéitez
Miguel Anxo Fernández Lores opta unha vez máis á reelección como alcalde de Pontevedra polo BNG nas próximas eleccións municipais porque está "convencido de que quedan moitas cousas por facer".
Rodeado polos seus compañeiros do grupo de goberno, simpatizantes do Bloque e amigos, Fernández Lores asegura que aspira un quinto mandato polo seu "amor a esta cidade e aos pontevedreses" e pola petición dos seus compañeiros no BNG, así como de "moita xente pola rúa", ademais do público asistente ás asembleas organizadas pola agrupación nacionalista.
Iso si, Lores sinalou unha excepción, esa persoa que se opón á súa candidatura e que lle impide dicir que a demanda de reelección é unánime é "a miña muller, á que lle gustaría que me quedase na casa", sinalou o rexedor municipal, "no fondo tamén quere que me presente", engadiu.
Orgulloso da xestión realizada dende que accedeu á alcaldía en 1999, Lores afirma estar "ilusionado" e se marca o reto de "avanzar" na extensión dos "estándares de calidade e seguridade vial e dinamismo a todo o municipio".
Apostou por consolidar unha cidade "para vivir, gozar, comprar e traballar", favorecendo a actividade económica "a través do turismo, os congresos, a cultura e os eventos deportivos" dando a coñecer Pontevedra como un "referente a todos os niveis". Un referente mesmo en tratamento de residuos que podería "contribuír ao coidado dos nosos montes e do medio ambiente".
Precisamente o medio ambiente é outro dos eixos vertebradores tamén dende o punto de vista económico, ao igual que o Campus de Pontevedra.
LISTA ELECTORAL
O candidato Fernández Lores anunciou que a composición da lista que "proximamente" aprobará o Consello Nacional do seu partido está "moi avanzada" e que "en menos de 15 días" se darán a coñecer algunhas das "caras novas" que o acompañarán "en postos de saída".
PP E PODEMOS
Fernández Lores rebateu as críticas do voceiro municipal popular e aspirante a encabezar a lista do seu partido á alcaldía, Jacobo Moreira, que atacou a desmotivación de Miguel Anxo Fernández Lores, este replicou que "se hai políticas vellas e demodé, son ás do PP", ao que ve "falto de ideas, programa e proxecto" fronte ás políticas do BNG que, segundo o alcalde, están "na punta de lanza dos desenrolos urbanos máis contemporáneos".
Para Fernández Lores, existe "moita envexa sa" por parte doutros políticos de ámbito local polo que o BNG logrou en Pontevedra.
Respecto a Podemos, Fernández Lores afirmou que lle parecen "espléndidos os movementos sociais", apostillando que ese espazo do partido político de Pablo Iglesias, "o estamos ocupando nos xa dende hai tempo", concluíu.
Relacionadas:
-
O BNG levará no seu programa expandir o modelo urbano "a todo o territorio municipal"
Por Redacción |
-
A democracia directa será un dos piares do programa electoral de Lores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A candidatura do BNG en Pontevedra renóvase dando peso a dirixentes do movemento asociativo
Por Natalia Puga |
-
Anabel Gulías, primeira sorpresa da listaxe de Lores para as municipais de 2015
Por Redacción |
-
O BNG presume do éxito das súas asembleas abertas e dun Lores "con máis ilusión ca nunca"
Por Alejandro Espiño |