Catro feridos tras a aterraxe forzosa en Curro dunha avioneta que despegara en Vigo
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Catro persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, tras a aterraxe forzosa que se viu obrigada a facer o piloto dunha avioneta que despegara esta mañá do aeroporto vigués de Peinador.
O suceso tivo lugar sobre as 12.02 horas deste domingo en Curro (Barro), concretamente nunha zona arborada próxima á conexión da AP9 coa Autovía do Salnés. Na avioneta privada, modelo Piper PA-28R-180 Cherokee Arrow, viaxaban dous homes e dúas mulleres. Despegaran de Vigo ás 11:24 horas da mañá, tendo no plan de voo a previsión de regreso á mesma terminal ás 12.30 horas, segundo confirmou a Delegación do Goberno.
Ao parecer, a orixe do sinistro estivo nunha avaría no motor do aparato. O piloto alertou da emerxencia e solicitou permiso para aterrar de emerxencia na propia autoestrada. Pero finalmente acabou estrelándose coas árbores que hai a uns 30 metros do nó de Curro.
Para proceder ao rescate e evacuación dos catro ocupantes da avioneta, foi necesario cortar o tráfico na autoestrada AP-9, á altura do quilómetro 119, durante máis de media hora. Ademais, houbo que romper o valo metálico que protexe a vía da entrada de animais para acceder á zona do sinistro. Os bombeiros tiveron que axudar a saír do interior do aparato a un dos feridos. Os outros tres xa saíran polos seus propios medios.
Precisamente o piloto, de 50 anos idade, é o que resultou peor parado, especialmente polos golpes que recibiu durante a manobra de aterraxe e o posterior impacto contra o chan. Foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Con todo, aínda que nun principio o seu estado parecía moi grave, está xa fóra de perigo, segundo confirmaron os seus familiares.
Outros dous dos ocupantes do aparato, un home de 43 anos e unha muller de 51 tamén con feridas de certa consideración, foron derivados ao Hospital Montecelo. A cuarta persoa ferida, esta de carácter leve, foi atendida no Hospital do Salnés. Trátase dunha muller de 52 anos.
Os catro, un matrimonio e dous amigos, saíran esta mañá de Peinador para sobrevoar as Rías Baixas. Así o indicou un dos ocupantes feridos na súa chamada ao 112 Galicia, na que aseguraba que a avioneta non ardía e que non estaban atrapados.
O piloto, pai do porteiro do Pontevedra CF Sergio Lloves, é o copropietario da avioneta xunto con outras tres persoas. Atesoura unha longa experiencia, o que, segundo algunhas fontes tería servido para que o accidente non tivese consecuencias maiores.
Ao lugar do accidente desprazáronse dúas ambulancias asistenciais e unha medicalizada do 061, dúas dotacións dos bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, varias patrullas da Garda Civil e a Policía Autonómica e efectivos de Protección Civil de Barro e Caldas de Reis.
Ademais, debido á gravidade do suceso tamén se mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, quedando en alerta a aeronave con base en Ourense por se fose necesaria a súa intervención. Os aeroportos de Santiago e Peinador, o Concello de Barro, operarios da propia autoestrada e o servizo de gardacostas de Galicia tamén formaron parte do dispositivo posta en marcha polo 112 Galicia.
O accidente aéreo está sendo investigado pola Gardia Civil, que iniciou as dilixencias necesarias para analizar as causas do sinistro.