Solicitan a reubicación do poboado chabolista da Ponte do Couto
Por Oskar Viéitez
A asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago de Pontevedra e a Asociación Medioambiental Vaipolorío solicitaron ao Concello de Pontevedra e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, "a reubicación do poboado chabolista instalado de xeito ilegal nas proximidades da Ponte do Couto".
A asociación Amigos do Camiño Portugués destaca o incremento de visitantes que ano tras ano fan esta ruta do Camiño de Santiago e lamenta a imaxe que se proxecta de Pontevedra ante os "turistas de nacionalidades tan dispares como europea, americana e mesmo australiana".
"Non podemos ofrecerlles unha imaxe de benvida como a que ofrece a Ponte do Couto, a súa chegada a Pontevedra. Non hai que esquecer que os peregrinos dan o seu parecer de Pontevedra, alá de donde eles veñen", din no seu escrito dirixido ás institucións.
Lembran que estes peregrinos "utilizan toda a rede comercial, hoteleira, hosteleira, que o camiño traza", polo que lamentan que as administracións non "albisquen a potencialidade económica e social deste colectivo internacional" que se instala no Albergue dos Peregrinos.
A asociación Vaipolorío xa solicitou a recolocación da comunidade xitana en novembro de 2006, así como o estudio, a musealización e posta en valor da ponte do Couto.
Insisten en que "esta comunidade ten tomado ilegalmente os camiños de servidume do río Gafos, da ponte do Couto e a súa contorna, impedindo a continuidade de paso a pescadores e camiñantes".
Os Amigos do Camiño Portugués e os voluntarios de Vaipolorío engaden a súa denuncia a repercusión "paisaxística" da presenza deste asentamento na ribeira do río Gafos. E sinalan que o aparcamento e asentamento continuado de autocaravanas está delimitado por lei 2/2010 de 25 de marzo.
"A Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra fixeron unha inversión acertada na recuperación do paseo fluvial. O desdobramento da avenida de Vigo sería unha oportunidade irrepetible para dar continuidade a esta ronda fluvial", conclúen no seu escrito.
RESPOSTA MUNICIPAL
A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces confirmou que os servizos sociais do Concello están traballando nunha solución da man de Augas de Galicia para dar un tratamento a esta contorna urbana que sexa continuidade co paseo fluvial do río dos Gafos.
Carme Fouces pretende unha actuación global que dea unha alternativa digna para estas persoas. ÿ dicir, non se trata de que desmonten o asentamento actual para montalo noutro lado.