Perseguen e deteñen tres homes por un roubo nun almacén de Barro
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra identificaron e detiveron tres homes, de 34, 25 e 21 anos, con domicilio en Vigo e con antecedentes policiais como presuntos autores dun delito de roubo con forza nun almacén.
Na madrugada do xoves 9 de outubro, sobre as 04.30 horas da madrugada, recibíase na Comisaría de Policía unha chamada que alertaba dun roubo con forza nun almacén de Barro sinalando que os presuntos autores se deran á fuga nun vehículo.
As patrullas policiais dirixíronse inmediatamente á estrada de Santiago para establecer un dispositivo para tratar de interceptar o vehículo fuxido. Unha das patrullas localizou ao turismo circulando a gran velocidade pola avenida Domingo Fontán en dirección á gasolineira do Burgo.
A partir dese momento, os policías iniciaron un seguimento detrás do vehículo accedendo á autoestrada en dirección a Vigo. A patrulla activou os sinais luminosos e acústicos para intentar dar o alto pero os ocupantes do vehículo continuaron a gran velocidade pola AP-9. Á altura da saída Pontevedra sur cara a Marín, o coche perseguido realizou un cambio brusco, golpeando contra a mediana de formigón, para intentar despistar o vehículo ceta policial.
Ao achegarse os axentes ao vehículo accidentado, o condutor conseguiu saír do interior e precipitouse dende o alto da rotonda, dende unha altura de doce metros. O home sufriu lesións polo que tivo que ser atendido por persoal sanitario solicitado pola Policía e despois foi trasladado a un centro hospitalario. Os tres ocupantes foron detidos como presuntos autores dun delito de roubo con forza.
No interior do automóbil encontrábanse seis televisores, tres teléfonos móbiles, un mando a distancia e un cable de alimentación de televisión, dúas camisetas, un polo e dous cazadoras sen estrear, ademais dunha panquiña, unha chave inglesa, un desaparafusador, unha gorra, cinco pares de luvas, 75 euros e un DVD.
Un dos detidos conta con tres requisitorias xudiciais, unha delas por busca, detención e ingreso en prisión ditada polo Xulgado do Penal número 2 de Vigo por roubo con forza. Foron postos a disposición da Autoridade Xudicial tras pasar dous deles polas dependencias da Comisaría Provincial mentres o terceiro detido se encontra ingresado no hospital.