Os novos quioscos da Ferrería serán dous cilindros de metal
Por Oskar Viéitez
O concelleiro do centro histórico, Luis Bará, rescatou o proxecto da súa antecesora no cargo, a socialista Teresa Casal, para renovar a imaxe da praza da Ferrería con dous novos quioscos de deseño.
O proxecto é autoría dos arquitectos José Santos e José Carlos Mera que elaboraron unha instalación que deberá servir como referencia para os quioscos que poidan situarse no futuro no resto da zona antiga da cidade.
Segundo explicou José Santos preténdese que o deseño se integre no casco histórico, que forme parte do mobiliario urbano existente sen alterar a concepción que do espazo teñen os paseantes; que non xere ángulos visuais procurando entorpecer o menos posible as perspectivas existentes, de aí a súa forma cilíndrica, sen traseiras, adaptable a situacións alternativas.
Formúlase un elemento lixeiro, composto de dúas peles, unha metálica e outra de madeira, que serve, de envolvente do cilindro metálico interior. Proxéctase un quiosco cambiante, pechado é un cilindro sinxelo en que a envolvente exterior achega protección; en funcionamento, a pel exterior ábrese, deixando paso á madeira, máis cálida, e que a súa vez se abre unha vez mais, desprazándose o mostrador e levantándose un portón ou cuberta nun xogo de avanzar, de mostrarse, de reclamo, para volver recollerse, a fundirse coa praza ao rematar a xornada.
O prezo de cada quiosco é de 29.715,15 euros que o goberno local espera que se poidan financiar con cargo á Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Centro histórico, aínda que Luis Bará non descarta que o Concello asuma o custo.
Ademais abrirase un novo concurso para renovar a concesión dun dos quioscos, xa que o concelleiro non está convencido da necesidade de dous na mesma praza.
A renovación dos quioscos da Ferrería forma parte dun programa de obras no centro histórico.
Relacionadas:
-
Catro camelias novas e dous bancos máis para A Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
A Ferrería, eixo central das xornadas municipais de historia que recupera o Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
+Boavila, un proxecto para acabar co feísmo e mellorar a calidade urbana e a convivencia nos barrios
Por Alejandro Espiño |