O Concello retirará o escudo coa aguia da fachada do colexio Vidal Portela
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, anunciou que o concello retirará o escudo coa aguia da fachada do colexio público Manuel Vidal Portela.
"Imos tomar medidas e imos ver se o podemos eliminar canto antes", dixo o edil durante unha visita a este centro escolar con motivo do inicio do curso.
"Decateime hai un par de meses, nunca me fixara ao pasar por aquí que hai unha aguia", comentou Agustín Fernández.
Trátase dun escudo de España coa Aguia de San Xoan acompañado do xugo e as frechas e está situada na fachada principal do colexio, antiga escola de Maxisterio, aínda que pasaba desapercibido por estar situado a grande altura e tapado polas árbores.
O símbolo da aguia estivo presente no Escudo de España dende o 2 de febreiro de 1938 ata o 5 de outubro de 1981. Forma parte polo tanto da simboloxía do franquismo.
Dende o Partido Popular, o concelleiro César Abal, mostrou o seu respecto á Lei de Memoria Histórica e insisitió en que "si és un símbolo franquista, hay que retirarlo"
Coincide no tempo o anuncio do concelleiro Agustín Fernández secretario local do PSOE, coa polémica suscitada en Vigo a raiz da decisión do alcalde socialista, Abel Caballero, de recorrer a sentenza xudicial que lle obriga a derrubar a Cruz do Castro, construída en 1961 en homenaxe aos caídos no bando nacional.
Argumenta na súa defensa que, dende que foi reformada en 1981, xa non é un símbolo de connotación franquista.