Obrigada a cobrar o uso do baño ante os turistas "samesuga"
Por Anxo Lourido
Un autobús de viaxes financiados polo Imserso detense na parada da rúa Alameda. Do autocar baixan arredor de 40 turistas. A primeira cafetaría que encontran ao seu paso é Igleme e alí entran en tropel buscando un retrete. Sempre utilizan a mesma estratexia. Un dos turistas pide un café mentres todos os demais fan uso do cuarto de baño sen consumir nada. A escena "repetiuse unha e outra vez durante o verán", conta a propietaria do establecemento.
A muller viviu todo tipo de escenas cos visitantes "samesugas". "Non só pasa cos turistas" di "tamén nas festas de verán cando se instalan as atraccións por esta rúa. Mesmo hai clientes sentados na terraza da cafetaría do lado e, con toda a cara, veñen a este baño". Conta que, nunha ocasión, o local se encheu de turistas xaponeses. Ningún consumiu nada e ningún quixo entender a dona do Igleme cando lles indicaba que o servizo non era de uso público. "O peor" afirma "é cando deixan todo sucio".
Hai uns días, un guía turístico abriulle os ollos ao propoñerlle que seguise o exemplo de moitos establecementos portugueses: cobrar polo uso do baño. E así o está a facer. O Igleme conta agora con dous carteis nas portas dos servizos nos que se le: "0'50 sen consumición".
Unha camareira afirma que algúns turistas xa tiveron que pagar o canon. Outros deron media volta ao encontrarse o letreiro dicindo:
- Ah, si hay que pagar me voy.
A dona apunta que "isto se solucionaría se houbese baños públicos na cidade".
Os clientes habituais do Igleme entenden a medida e afirman "é que se non o fai, quen paga os gastos de auga, de luz e de papel hixiénico?". Iso si, o cartel provocou xa algunha confusión e máis dun cliente habitual ao pagar o café pretendeu aboar tamén os cincuenta céntimos por utilizar o servizo. "ÿ que como hai ese letreiro pensei que eu tamén tiña que pagar" explican.