Homenaxe a Alexandre Bóveda coa mirada posta en poder celebrar o 'Día dos Mártires Galegos'
Por Natalia Puga
Como cada 17 de agosto, o monumento en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caiera (Poio) converteuse en epicentro galego da loita pola recuperación da memoria histórica. Este domingo fíxoo cun "agarimoso recordo" ao falecido Avelino Pousa Antelo e cunha perspectiva diferente á de anos anteriores: a de conseguir que esta xornada de homenaxe se institucionalice e se converta en 'Día dos Mártires Galegos'.
A Fundación Alexandre Bóveda iniciou en agosto de 2013 a busca de apoios para conseguir que o Parlamento e a Xunta de Galicia institucionalicen este día, de modo que este 17 de agosto foi o primeiro coa iniciativa en marcha. Ante esta perspectiva, o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda e filla do político pontevedrés fusilado na Caeira, Amalia Bóveda, recoñeceu emocionada que é "un ano e unha homenaxe diferente" e deixou calquera posible discurso á marxe. Céntrase nesta reclamación.
O neto de Bóveda e actual secetario da Fundación, Valentín García Bóveda, si afondou na reivindicación e destacou a acollida que tivo no Concello de Poio, onde se aprobou no Pleno da Corporación unha moción apoiándoa por unanimidade. Resaltou que os voceiros do PP e o PSdeG, Ángel Moldes (presente no acto deste domingo) e Chelo Besada, a apoiaron, pois "é moito de agradecer" fronte ao sucedido en municipios como Pontevedra. Na capital, o grupo de goberno BNG-PSdeG apoiouna, pero PP abstívose nunha actitude que critica dun partido que "despois póñenlle flores a Castelao".
Ese 'Día dos Mártires Galegos' celebraríase cada 17 de agosto, data na que Bóveda foi fusilado na Caeira en 1936, que actualmente se conmemora con actos diseminados por toda Galicia baixo o denominador común de Día da Galiza Mártir. En Poio organízase este da Caeira e en Pontevedra conflúen un de Compromiso por Galicia en San Amaro, o acto cívico ante a tumba do político fusilado organizado pola Fundación Alexandre Bóveda ou o organizado a última hora da tarde polo BNG na praza de Curros Enríquez.
A súa institucionalización sería un fito importante no que Valentín García Bóveda define como "difícil" camiño "pola memoria", xa que, na actualidade, ao Estado "non lle interesa que se recupere". A reivindicación ten o apoio dos diversos colectivos para a recuperación da memoria histórica existentes en Galicia, unha representación dos cales acudiu ao acto da Caeira este domingo e á ofrenda floral realizada ante o monumento en recordo dos fusilamentos franquistas.
En representación da Ia Asociación Memoria Histórica de Marín e de Iniciativa Galega pola Memoria, Enriqueta Otero recordou que os principios polos que traballan as distintas asociacións da memoria son "reparación, Xustiza e Verdade".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, insistiu na importancia de resaltar ao figura de Bóveda como "o símbolo que une ás distintas sensibilidades nacionalistas que teñen como obxectivo a conquista da nosa soberanía", mentres o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, insistiu en discurso nacionalista de que "non queremos unha Galicia que se resigne a ser unha rexión, un recanto no administrativo", senón que a primeira reivindicación pola que hai que loitar é "que se recoñeza Galicia como nación e logo xa falaremos".
O acto estivo conducido pola concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz, que defendeu a súa importancia para recordar a figura de Bóveda e de todas as "historias silenciadas" da represión franquista e contou coa presenza de representantes do BNG de Poio e Pontevedra e de dirixentes como o actual voceiro nacional, Xabier Vence, que defendeu a figura de Bóveda como unha "referencia" e "exemplo de clarividencia".
Relacionadas:
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
Solicitan na Subdelegación a Declaración de Reparación e Recoñecemento da figura de Bóveda
Por Cristina Saiz |
-
O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado
Por Natalia Puga |
-
A Fundación Alexandre Bóveda impulsa a creación dunha comisión sobre a Memoria Histórica no Parlamento galego
Por Redacción |
-
Falece Fernando Quintela, Presidente da Fundación Alexandre Bóveda
Por Redacción |
-
Un Día da Galiza Mártir para "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo"
Por Redacción |
-
Poio volverá homenaxear a Alexandre Bóveda reclamando a institución oficial do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |
-
En Pontevedra tamén reclaman a creación dunha República Galega porque "Galiza non ten rei"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
En Pontevedra tamén reclaman a creación dunha República Galega porque "Galiza non ten rei"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra, quinto concello que pide institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir
Por Alejandro Espiño |