En Vespino por Pontevedra... e por toda España
Por Natalia Puga
Unha Vespino de 30 anos circulando a unha media de 40 quilómetros por hora entrou en Pontevedra. Percorreu unha parte da cidade e, sobre as dúas da tarde, o seu condutor gozou dun merecido descanso ao lado da Ponte dos Tirantes antes de poñer rumbo á Coruña. Atrás deixaba quilómetros e horas de circulación ininterrompida dende Braga (Portugal). Máis atrás, sete días de percorrido pola Penínsulla Ibérica dende que o 30 de xullo partiu do concello de San Pedro del Pinatar (Murcia). Non é un ciclomotor calquera, é o protagonista da segunda edición da Volta a España en Vespino, con parada en 47 capitais de provincia.
Percorrer 7.000 quilómetros en 18 etapas por estradas nacionais ou secundarias (non se recomenda a este tipo de vehículos circular por autovías ou autoestradas) podería resultar esgotador para unha soa persoa, por iso esta Volta a España faise por relevos e os organizadores, Vespinos.net, calculan a participación de preto dun centenar de diferentes relevistas que se inscribiron nun foro habilitado expresamente. Joao Anibal Suares Da Costa é un destes relevistas, un dos que asume a xornada pontevedresa.
Integrante do Clube Vespino de Braga (o único grupo de participantes de orixe portuguesa), altérnase ao longo da xornada con outros catro compañeiros para asumir o percorrido Braga-Coruña. Faino ilusionado por poder conducir a motocicleta que considera "máis resistente". Descubriu a Vespino hai uns tres ou catro anos e, dende entón, comprou xa varias, todas elas en España para logo reparalas en Portugal e gozar dun paseo na "mellor moto que coñezo", que se popularizou nos anos 60 e agora volveu retomar protagonismo a pesar de que non se fabrica dende 2000. Os afeccionados portugueses adquírenas en despezamentos ou de segunda man no noso país, pois alí "case non se vendeu, só había un distribuidor en Porto", segundo explica Joao Anibal chapurreando entre portugués, español e galego.
A que está a conducir este mércores non é súa, senón que é a mesma para todo o percorrido, pero coñece moi ben o seu funcionamento e asegura que "é moi fiable, aguanta altas temperaturas e subidas". Precisamente as circunstancias que encontrou polas estradas pontevedresas. O tramo que xa percorreran á súa chegada á ponte dos Tirantes foi "ben" aínda que recoñece que cando cruzaron ao fronteira e entraron na provincia de Pontevedra encontráronse coa dificultade de encontrar unha estrada nacional pola que circular. No GPS só marcábano autovías e autoestradas.
Finalmente, encontraron o camiño, pero encontráronse con imprevistos como non poder acceder ao centro de Pontevedra e cumprir os seus plans de facer unha foto ao seu Vespino diante da Casa Consistorial. Finalmente, fixérona no ámbito da Xefatura da Policía Local na rúa Rafael Areses. Como o percorrido se fai por relevos, entraron na cidade o condutor do momento e catro máis que o seguen en coche. Todos retrataron xuntos a chegada á primeira capital de provincia do seu percorrido.
Máis tarde, na Coruña, 300 quilómetros despois do seu inicio en Braga, daralles o relevo un novo club de entusiastas da moto seguirá o próximo tramo da ruta por España. O fin da Volta prevese o 16 de agosto no punto de saída e, a continuación, a Vespino protagonista participará no VII Encontro Nacional de Vespinos e a III Vespinada previstas para os días 16 e 17 de agosto.
A experiencia é a continuación da primeira edición celebrada en 2008 con grande éxito. O tempo que levan de percorrido, está a cumprir as expectativas e conta con participantes e patrocinadores de toda España, mesmo cunha compañía que asegura o ciclomotor ante posibles imprevistos, Eurolloyd. Este prototipo preparado en Arenys de Mar (Barcelona), circula unha media de dez horas diarias e non se pode permitir demasiados atrasos para cumprir co planning establecido.