Baleirarán o interior do edificio afundido no centro histórico para evitar que colapse por completo
Por Alejandro Espiño
O edificio que se afundiu parcialmente este mércores no centro histórico será baleirado por completo no seu interior para evitar que "colapse totalmente". Así o adiantou a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva. O inmoble, situado entre as prazas da Verdura e a Leña, está "moi mal estruturalmente", sinalou, o que obriga a tomar esa decisión para garantir a seguridade dos viandantes e dos edificios contiguos.
Carme da Silva sinalou que tras asegurar a zona e evitar calquera tipo de risco "innecesario", a arquitecta municipal concluíu que é "imprescindible" proceder a baleirar o interior do edificio. A parte da cuberta que non se derrubou corre o perigo de caer debido ao seu precario estado e podería chegar a afectar aos edificios lindantes "porque está enlazado con eles".
Os servizos técnicos municipais están xa a tratar de localizar os propietarios do edificio, vendido recentemente polos seus anteriores donos. Eles serán os que finalmente teñan que facerse cargo de todos os gastos que esta situación xere ás arcas municipais. "Isto non podía esperar a localizalos", indicou a concelleira, que afirmou que se tomaron todas as medidas posibles para garantir a seguridade nesta zona tan transitada da cidade.
De feito, parte dos veladores que estaban próximos a eses edificios xa foron retirados e trasladado a outras zonas de ambas as dúas prazas, para causar o menor dano posible aos intereses dos establecementos hostaleiros afectados por esta situación.
Carme da Silva sinalou que o edificio en cuestión "non tiña expediente aberto nin denuncia" polo seu actual estado. "O aspecto externo era bo", insistiu. De feito, asegurou que en todo o centro histórico se están a tramitar varios expedientes por edificios ruinosos "pero non porque teñan perigo de caer".
Con respecto á empresa que se fará cargo dos traballos de baleirado interior do inmoble da rúa Figueroa, a edil nacionalista explicou que será contratada pola vía de emerxencia, en función de que os técnicos municipais determinen cal é a mellor opción. Igual que se fixo Ediserpo para estes traballos iniciais "porque xa estaban traballando no centro histórico, tiñan alí persoal e están especializados en rehabilitacións".
Relacionadas:
-
Louro lamenta o retraso e a escaseza das axudas á rehabilitación no Centro Histórico
Por Redacción |
-
130 toneladas de entullos e unha moto: así baleiran o edificio en ruínas da Verdura
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O afundimento interior dun edificio obriga a acordoar parte das prazas da Verdura e da Leña
Por Redacción |