Acabou o período de probas: a partir do luns o 'ollomóbil' vixiará as rúas de Pontevedra
A partir do próximo luns o 'ollomóbil', máis coñecido como 'multamóbil' comezará a controlar os estacionamentos irregulares que se producen nas rúas de Pontevedra. A Praza de España acolleu este mércores a súa presentación pública e os primeiros curiosos xa se achegaron ata el para que os axentes da Policía Local lles explicasen o funcionamento do vehículo.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, destacou que o goberno municipal espera que o 'ollomóbil' contribúa a seguir mellorando as cifras de seguridade vial que se rexistran en Pontevedra, onde, recordou, hai "poucos feridos graves e sen mortos". ÿ o principal obxectivo deste novo vehículo, un Toyota Aygo branco cunha cámara ancorada no seu teito e rotulado cos identificativos da Policía Local.
Tras insistir en que "quen sanciona son os axentes e non o vehículo", Carme da Silva explicou que con esta nova ferramenta a Policía Local controlará dunha forma máis efectiva que se faga o "uso adecuado" do estacionamento reservado para servizos (máximo 15 minutos) e evitar comportamentos "que non son só infraccións, senón que son insolidarios". Entre eles, citou aparcar encima das beirarrúas, nos pasos de peóns ou en prazas de mobilidade reducida.
Neste sentido, o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, indicou que o vehículo leva un lector de matrículas que georreferencia os coches que están aparcados na vía pública. Multarase directamente aos que estean mal aparcados sobre beirarrúas ou paso de peóns, pero a súa principal función, o control do estacionamento nas zonas reservadas para servizos será lixeiramente diferente.
O 'multamóbil', no que irán dous axentes, dará dúas pasadas por cada unha desas zonas. No segundo paso, o vehículo detecta todos os coches que están na mesma posición, polo que transcorrido o límite de tempo de quince minutos constátase a infracción. En todo caso, Macenlle sinalou que nun primeiro momento "non se vai a denunciar automaticamente" porque o goberno local quere "que a xente se entere de como funciona".
Tras detectar a infracción, o coche policial mandará unha mensaxe á PDA dos axentes que estean patrullando pola zona máis próxima a el, que son os que acudirán ao lugar para facer a correspondente denuncia. "Antes tiñan que ir eles tomar nota dos vehículos e volver despois. Agora ese traballo o fai o coche. Nun futuro, poderán ser os axentes que irán nos coches os que multen directamente", segundo o intendente da Policía Local.
Daniel Macenlle subliñou que o periodo de proba no que o 'multamóbil' estivo adaptándose ás rúas de Pontevedra serviu para que os condutores "sepan perfectamente de que vai", polo que mostrou a súa esperanza de que aos poucos "vaian adaptando o seu comportamento" á existencia deste vehículo e se reduzan o número de denuncias que se presentan na cidade.
MODELO PIONEIRO
Con respecto ao control que exercerá sobre as zonas de aparcamentos reservados para servizos, a concelleira nacionalista asegurou que o goberno municipal espera que este vehículo policial sirva para que cumpran mellor a súa función. "ÿ un modelo pioneiro que está sendo valorado positivamente por expertos en tráfico", porque sinalou que se opta por un modelo gratuito de aparcamiento "cando sempre se buscan alternativas de pago". O obxectivo, dixo, é "que todo o mundo poida utilizalo e que non haxa abusos".
Relacionadas:
-
Augusto García Sánchez, a rúa onde máis sanciona o Ollomóbil
Por Anxo Lourido |
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |
-
Obxectivo da Policía Local: acabar cos coches e motos que aparcan enriba das beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra contará con doce novas zonas de aparcadoiro exclusivo para motocicletas e ciclomotores
Por Alejandro Espiño |
-
O multamóbil 'caza' a dous infractores no seu primeiro día operativo por Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Ao 'multamóbil' só lle faltan "detalliños" para entrar en funcionamento
Por Redacción |
-
O 'ollomóbil' circula xa pola cidade en fase de probas
Por Redacción |