As medidas de seguridade vial do centro urbano chegan ao rural cunha primeira obra en Campañó
Por Redacción
Este luns comezan os traballos para a reurbanización do núcleo rural de Cabaleiro, na parroquia de Campañó, que se realizará cos mesmos niveis de calidade e estándares de seguranza viaria xa implantados no centro da cidade.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, eses estándares de calidade urbana que agora se levarán a Cabaleiro, supoñen a mellora da seguranza viaria, a eliminación de barreiras, o calmado do tráfico con medidas como plataformas únicas, velocidades de 20km/h ao ser espazos de preferencia peonil, materiais e acabados propios do centro urbano, pero respectando sempre o carácter rural da zona.
Esta actuación en Campañó será a primeira destas características que pon en marcha o Concello de Pontevedra nun núcleo rural, dentro do propósito municipal de elevar os estándares de calidade no rural. Ao respecto, dende o Goberno local remarcan que só é posible poñer en marcha este tipo de accións nos denominados núcleos de centralidade parroquial, é dicir, lugares de concentración e encontro de veciños, como é o caso de Cabaleiro.
O obxectivo é integrar a praza do cruceiro de Cabaleiro, onde conflúen tráfico peonil con rodado, de xeito ordenado e seguro. Polo tanto, farase unha plataforma única na que a calzada terá un ancho de 5 metros, e irá acompañada da canalización de augas pluviais. Atravesará a praza, que estará dividida en dúas zonas peonís.
Peonalizarase cun adoquín similar ao de Gutiérrez Mellado
Ademais, a calzada terá un pavimento de asfalto sobre o que se imprimirá un material antideslizante en cor para favorecer a adherencia dos vehículos. Instalaranse lombos redutores de velocidade. E disporá de sinalización horizontal e vertical con velocidade máxima 20km/h.
Ao respecto das dúas zonas peonís, terán un pavimento de adoquín (similar ao da rúa Gutiérrez Mellado), e estarán separadas da calzada cuns pequenos muros de pedra a dúas caras que poderán facer as veces de bancos.
A obra terá un custo de 173.050 euros.