Cultura chequeará o grao de conservación de Combarro
Por Redacción
Este luns tivo lugar, na Consellería de Cultura, a reunión da Asociación A Solaina de Combarro co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, para tratar sobre o "Informe Urxente sobre o Conxunto Histórico de Combarro". Por parte da Consellería tamén participou a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez. A Solaina estivo representado polo seu presidente, Rafael Vallejo, e os directivos Andrés Dacosta e Antón Briones.
Os membros da Solaina comprobaron, con "satisfacción", a coincidencia nos diagnósticos e a valoración "positiva" que se fixo do traballo presentado, ao que na Consellería "se lle presta unha especial atención".
Un dos compromisos de Jesús Vázquez foi o de elaborar, por parte dos servizos técnicos da Consellería de Cultura, un informe sobre as posibles deficiencias observadas en Combarro na aplicación do Plan Especial de Protección de 2001, e no grao de conservación e protección actual do conxunto histórico. Este informe farase nun prazo aproximado dun mes.
O conselleiro e a directora xeral coinciden en que hai que ir a esta revisión do actual Plan Especial de Protección de acordo co Concello de Poio, e que van prestar a súa colaboración técnica a este obxectivo.
Jesús Vázquez ofreceu tamén a implicación da Consellería na eliminación do tendido aéreo de cables no conxunto histórico de Combarro e a estudar as posibles melloras da súa iluminación.
Así mesmo a Xunta ofrecerá colaboración técnica na elaboración dun Plan Permanente de Conservación e Restauración dos hórreos de Combarro, e en que cre un protocolo de actuación para que os veciños saiban como proceder para conservar os hórreos.
Non obstante polas limitacións presupostarias a Xunta descarta a creación dun Museo ou Centro de interpretación da arquitectura popular e do medio litoral das Rías, "podemos estudar alternativas", dixo Jesús Vázquez. "Pódese valorar", apuntou.
Relacionadas:
-
Combarro edita unha guía polos 50 anos da declaración como conxunto histórico
Por Redacción |
-
Un gran pacto municipal para salvar os hórreos de Combarro
Por Redacción |
-
A Solaina suxire a supervisión técnica de todos os hórreos de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Requiren unha actuación inmediata das administracións para preservar os hórreos de Combarro
Por Redacción |