Dous detidos en Barro tras quedar sen gasolina nunha furgoneta roubada e botar a andar pola AP-9
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra detivo a primeira hora da tarde deste sábado a dous homes cando camiñaban pola AP-9 á altura de Barro. Atribúenlle o roubo de dúas furgonetas nunha nave de Citroën en Porriño, unhas das cales os acaba de deixar tirados no medio da autoestrada ao quedar sen gasolina.
Segundo informou a Garda Civil, os detidos son M.A.C., de 43 anos e veciño de Vigo; e D.V.C., de 38 e veciño de Redondela. Ambos os dous contan cun amplo historial delituoso e serán postos na disposición xudicial nas próximas horas por estes feitos.
O operativo policial que culminou este sábado en Barro comezárono efectivos da Garda Civil de Tráfico da Comandancia de Pontevedra sobre as 22:15 horas deste venres, cando se denunciou o roubo de dúas furgonetas novas e sen placas de matrícula que formaban parte do parque móbil que a empresa Citroën ten nun recinto pechado do polígono A Granxa en Porriño.
A primeira furgonetas roubárona supostamente das instalacións de Citroën forzando unha das portas de acceso, que resultou danada. Momentos despois, aproveitaron a saída dun camión do recinto para saír coa outra furgoneta.
No momento en que os ladróns saían coa segunda furgoneta do recinto, os vixilantes de seguridade da empresa se decataron do que sucedía e eles mesmos perseguiron os vehículos na súa fuxida, pero perdéronos de vista na autoestrada.
Unha das furgonetas foi recuperada pouco despois na parroquia de San Esteban de Negros de Redondela, onde os ladróns a abandonaron con importantes danos materiais. Coa segunda conseguiron eludir a Garda Civil varias horas, pero finalmente foi localizada a primeira hora da tarde deste sábado en Barro coas placas de matrícula dun turismo que substraeran en Vigo.
Os axentes localizaron o vehículo e tamén aos presuntos ladróns, que acababan de abandonar a furgoneta ao quedar sen gasolina.