O PP insiste en chamar Adolfo Suárez ao desdobramento da avenida de Vigo e buscará consenso
Por Redacción
O PP de Pontevedra insiste na súa proposta de dar o nome do ex presidente Adolfo Suárez ao desdobramento da avenida de Vigo a pesares das críticas que suscitou dentro do Goberno local. Unha vez finalizado o período de loito oficial polo seu falecemento, o voceiro dos 'populares', Jacobo Moreira, presentou este venres no Concello un escrito no que solicita e argumenta a iniciativa, que ata agora só se presentara a través dos medios de comunicación.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, criticou a proposta porque este tipo de nomeamentos adoita facerse de xeito consensuado. Fronte a estes reproches, o documento presentado polo PP reflicte a súa intención de acadar un consenso entre os tres grupos políticos con representación na Corporación municipal e que a proposta saia adiante por unanimidade.
Para isto, insta ao alcalde a que convoque unha sesión da Comisión Permanente de Cultura na que se debata a proposta e defende que este nomeamento sería un xesto de recoñecemento permanente "para honrar no presente e lembrar no futuro" a figura histórica de Adolfo Suárez.
O PP destaca no seu escrito que Adolfo Suárez desenvolveu un papel fundamental na historia recente de España e o seu traballo foi clave no éxito da Transición e na aprobación da Constitución de 1978. Ademais, Jacobo Moreira defende como "idónea" esa elección aproveitando que o Concello fixera público no pasado mes de febreiro que buscaba unha denominación para a nova rúa e que se estaban a barallar distintas alternativas, entre as que se atopan as de personaxes ilustres.
O escrito 'popular' insiste en que "sen dúbida" o desdobramento da avenida de Vigo será unha estrada relevante de acceso á cidade e incluso o goberno local cualificou os traballos como a obra máis ambiciosa da década, de modo que lles parece a ocasión oportuna para que esa nova vía leve o nome de Adolfo Suárez.
Relacionadas:
-
Propoñen o nome de Josefina Arruti para o desdobramento da avenida de Vigo
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
As obras de desdobramento da Avenida de Vigo xa teñen data: empezarán o 25 de agosto
Por Redacción |
-
Covsa-EC Casas desdobrarán a avenida de Vigo por 4,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local critica o oportunismo do PP por "eludir o consenso" respecto a Adolfo Suárez
Por Oskar Viéitez |
-
O PP proporá o nome de Adolfo Suárez para o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Redacción |