A Xunta non ten cartos para acometer a reforma da estrada de Vilagarcía
Por Redacción
Membros da Plataforma da PO-531 trasladaron este xoves ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o seu malestar polo importante retraso do proxecto de ampliación e mellora desta estrada que enlaza Pontevedra con Vilagarcía.
Segundo lles trasladou Cores Tourís, nestes intres, o proxecto xa foi redactado na súa totalidade pero a execución das obras terá que esperar a que mellore a situación económica actual.
"Expliqueilles que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a priorizar o reforzo dos firmes e o asfaltado das estradas para garantir a seguridade viaria, por encima de obras de gran envergadura que terán que esperar a que mellore a actual conxuntura económica", explicou Cores Tourís.
Recordou o delegado territorial que precisamente o pasado venres, día 28, aprobouse a licitación da obra de mellora do firme desta estrada. "Estas obras englóbanse dentro dun montante total de 1,5 millóns de euros destinados a para mellorar o firme de 11 estradas na provincia de Pontevedra o que beneficiará a 19 concellos e a máis de 350.000 veciños, entre os que se atopan os de Curro, Campañó e A Devesa", matizou Cores Tourís.
Os membros da plataforma aseguraron ante José Manuel Cores Tourís que entendían a actual situación pero engadiron que, a lo menos, se acometesen algunhas pequenas actuacións de mellora da seguridade viaria nas zonas de Campañó, Curro e A Devesa.
Estas melloras serán recollidas polos veciños en papel e trasladadas á Consellería de Medio Ambiente en Santiago de cara ao seu estudo por parte dos técnicos autonómicos.
Relacionadas:
-
A Plataforma da PO-531 reclama á Xunta algunha das melloras prometidas na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Louro recrimina á Xunta que paralice a reforma da PO-531 porque a crise "non pode ser a coartada para todo"
Por Redacción |
-
Reclaman a gratuidade da AP-9 como solución ás eivas da estrada de Vilagarcía
Por Redacción |