315 euros de sanción por aparcar reiteradamente nunha praza para discapacitados para ir a traballar
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra multou un veciño de Poio por aparcar en reiteradas ocasións nunha praza reservada a persoas con mobilidade reducida na rúa Eduardo Pondal.
Os axentes tiveron que realizar un seguimento ao condutor, pois contaba cunha tarxeta que lle permitía aparcar pero que pertencía a un membro da súa familia.
Desta forma púidose comprobar que o individuo acudía a traballar diariamente como único ocupante do coche, un Nissan Qashqai, e se non atopaba sitio preto do seu posto de traballo, estacionaba nunha destas prazas situada á altura do número 66 da citada rúa, habilitada para dar servizo a unha clínica de rehabilitación.
Unha vez acreditada a infracción, a Policía Local abriu un expediente sancionador e procedeu a retirar o vehículo a través do guindastre municipal, o que fai un total de 315 euros de sanción (200 de multa e 115 por retirar o coche do depósito).
Ademais os axentes dirixíronse ao posto de traballo do condutor, a escasos metros da praza de aparcadoiro en cuestión, para notificarlle que fora denunciado e que se lle requisaba a tarxeta especial de estacionamento.
Aínda que segundo a Policía Municipal en Pontevedra se respectan habitualmente as prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida, durante 2013 denunciaron 385 casos, dos cales 159 levaron consigo tamén a retirada do automóbil por parte do guindastre.
Relacionadas:
-
Denunciado por aparcar nunha praza reservada para discapacitados usando a copia dun cartón que atopou nun coche
Por Natalia Puga |
-
Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta da súa nai morta
Por Natalia Puga |
-
Multan unha parella pontevedresa por aparcar utilizando dúas tarxetas de discapacitados falsificadas
Por Oskar Viéitez |
-
O guindastre retirou 3.950 vehículos infractores en 2013, un 14% menos que no ano anterior
Por Natalia Puga |