A Fiscalía pide 28 anos de prisión para un cidadán chinés por matar dúas compatriotas residentes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para os días 18, 19, 20 e 21 de marzo o xuízo polo crime de dúas cidadás de orixe chinesa na rúa Amado Carballo da cidade de Pontevedra. O fiscal tan só presentará acusación contra Hai Jie Zhang, de 36 anos e que será xulgado en xuízo con xurado.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o día 25 de xullo de 2009 encontrábase na cidade de Pontevedra onde chegara procedente de Elche acompañado doutra persoa. Ese día, entrou no domicilio situado na rúa Amado Carballo "con intención de privar da vida as súas moradoras, facilitando a entrada o feito de que as súas moradoras coñecían o seu acompañante".
Entre a tarde do día 26 e a do 27 "matou mediante o procedemento de asfixia mecánica por sufocación mediante a oclusión extrínseca dos orificios respiratorios" a Guang Qu, de 45 anos de idade, á que atou as mans con fita de embalar, atando así mesmo as súas pernas e "tapando os orificios respiratorios mediante o mesmo sistema". Segundo o Ministerio Público Guang Qu intentou defenderse, " pero a súa defensa foi doadamente superada e reducida pola asistencia da outra persoa".
Con idéntico método, matou a Kung Yong, de 43 anos de idade, aínda que nesta ocasión o estrangulamento foi realizado "directamente sen uso das ligaduras". Igualmente Kung Yong intentou defenderse sen éxito.
O fiscal entende que o acusado é autor de dous delitos de homicidio coa concorrencia da agravante de abuso de superioridade, polo que pide para el 14 anos de prisión por cada delito. Ademais solicita que o acusado indemnice aos que acrediten ser herdeiros forzosos de Guang Qu e Kung Yong en 120.000 euros polos seus falecementos. Así como o valor dos obxectos que sacou do domicilio das vítimas unha vez determinado este, e no metálico extraido das contas das que estas mulleres eran titulares.
A investigación realizada pola Policía Científica, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) de Pontevedra e a Brigada de Homicidios da Policía Nacional de Madrid levou o xuíz instrutor e o fiscal a ter outra persoa no punto de mira como cómplice de Hai Jie Zhang no crime.
Non obstante, este outro sospeitoso, tamén de orixe chinesa, non poderá ser extraditado a España debido aos impedimientos do Goberno de China, que enviou unha notificación por escrito á Xustiza española indicando a súa negativa a entregar o suposto implicado no crime.