Louro cre que a "ocurrencia" de Lores para o centro cívico na ONCE "non está suficientemente madura"
Por Alejandro Espiño
Ao PSdeG-PSOE non lle gustou moito o proxecto anunciado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para reconverter a antiga residencia da ONCE en Campolongo no gran centro cívico do sur da cidade. O seu portavoz, Antón Louro, considera que se trata dunha idea "que non está suficientemente madura" por parte dos seus socios de goberno e chegou a cualificar como "ocurrencia" o suscitado polo rexedor capitalino.
Antón Louro, quen recoñeceu enterarse dos detalles desta proposta "a través dos medios de comunicación", afirmou que cando se fai unha proposta destas características "ten que estar minimamente estudada, redactada e dibuxada", porque sinalou que en actuacións deste tipo "un pode pedir a lúa e parecerlle pouco ou se nos poden ocurrir cousas que non son necesarias".
En relación ao uso que terá a residencia da ONCE, Louro avanzou que "neste momento estamos plantexando o futuro que vai a ter todo iso", xa que entre as opcións que baralla o goberno municipal estaría dar marcha atrás ao convenio con dito organismo. "E non o plantexo eu, senón a Xunta de Goberno que está presidida polo alcalde". Por iso é polo que reiterase que non hai "nada definitivo" con respecto á propiedade do edificio.
Neste sentido, o portavoz socialista destacou que a concellería de Urbanismo encargou hai un mes unha serie de informes técnicos, administrativos e xurídicos con respecto ao convenio asinado coa ONCE para comprobar o seu grado de cumprimento. Segundo Antón Louro, o goberno municipal "fixo todo o que tiña que facer" en relación a este acordo, e asegurou que observa "con certa preocupación" que ocorre todo o contrario no caso da ONCE.
LOURO PIDE SER "PRUDENTES"
Louro insistiu en que a ONCE "fixo pouco" por cumprir o convenio, que recollía a construción do seu novo centro de recursos educativos en Pontevedra e un aparcamento soterrado nunha parcela recalificada e cedida polo Concello no polígono situado entre as rúas Eduardo Pondal, 12 de novembro e Joaquín Costa, e a urbanización dos terreos que ocupa actualmente en Campolongo.
Como contraprestación, o Concello de Pontevedra recibía a cambio o actual CRE e a antiga residencia, agora abandonada, que Fernández Lores quere converter no centro cívico. A propiedade desta última xa é municipal en virtude dese convenio, aínda que o incumprimento da ONCE, que renunciou a construír a súa nova sede en Pontevedra, podería obrigar a devolver o inmoble a dito organismo.
Esta situación podería provocar que os 133.000 euros que se investirán de forma urxente para paliar os danos do temporal no inmoble, especialmente destinados á reparación do tellado e das baixantes de pluviais, "deberán ser indemnizados" por parte da ONCE ao Concello se finalmente o convenio "non vai a bo término". Por iso é polo que insistise na necesidade de "non facer nada e ser prudentes" ata que se aclare este asunto.
En todo caso, o concelleiro de Urbanismo indicou que se no futuro pénsase nun uso diferente ao que ten actualmente o inmoble "haberá que pensar nun proxecto e nunha partida presupuestaria que terá que rebasar todo iso". Aínda que ten claro que para sede das asociacións de Campolongo chegaría o local de 480 metros cadrados que cederá o Invied ao Concello no polígono de vivendas militares da contorna de Xeneral Rubín.
Relacionadas:
-
Os populares esixen que o entendemento no goberno local "vaia algo máis alá de cobrar a fin de mes"
Por Oskar Viéitez |
-
A antiga residencia da ONCE reconverterase no "gran centro cívico da Pontevedra Sur"
Por Alejandro Espiño |
-
A ONCE renuncia a construir o seu novo Centro de Recursos Educativos debido á crise económica
Por Alejandro Espiño |