BNG e PSdeG-PSOE acordan un novo reparto das exclusivas e o PP ameaza con volver o xulgado
Por Alejandro Espiño
Doce concelleiros do goberno municipal, todos menos Pilar Comesaña e Vicente García Legísima, e o portavoz do PP, Jacobo Moreira. Serán as trece dedicacións exclusivas coas que contará a partir de agora o Concello de Pontevedra. A non ser que a Xustiza decida o contrario. E é que o Partido Popular ameaza con volver ao xulgado para impugnar este acordo adoptado por BNG e PSdeG-PSOE no Pleno deste mércores.
Segundo Vicente García Legísima, con este acordo "queda cumprido escrupulosamente" o recollido na sentenza do TSXG que anulaba a retirada ao PP de dúas das súas tres dedicacións exclusivas. Os populares cobrarán eses tres soldos desde a data na que se notificou a sentenza, o 20 de decembro, e o día de hoxe. Terá que decidir Jacobo Moreira quen cobrará a contía desas tres dedicacións correspondente a ese periodo.
O que se rexeita, apelando ao informe dos servizos xurídicos municipais, é o cobro retroactivo destes salarios durante todo o tempo que estivo en vigor o acordo plenario agora anulado, ao entender que a sentenza do TSXG non acepta esa pretensión dos populares. Dixo o edil nacionalista que aínda que dá a razón a Jacobo Moreira obrigando a volver ao acordo anterior "pon en negriñas e maiúsculas que se desestima o recurso no restante".
Así as cousas, o goberno municipal, alegando cambios no marco legal e aspectos presupuestarios, opta por un novo reparto, con efecto a data de hoxe, polo cal vólvese a reducir a un o soldo para a oposición, aínda que se inclúe un posto de persoal administrativo. BNG e PSdeG-PSOE manterán as súas doce dedicacións exclusivas "e elimínase a posibilidade existente de que no futuro o grupo de goberno poida pedir ter dúas máis".
DEBATEUSE O ASUNTO TRAS UN RECESO
Esta moción debateuse no Pleno tras un receso solicitado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras non aceptar o PP que fose incluída na orde do día da sesión ao non terse xustificado a súa urxencia. Un detalle que, segundo Jacobo Moreira, podería carrexar a nulidade do acordo. En todo caso, liquidada esta discrepancia, o portavoz popular entrou a valorar a pretensión do goberno municipal, sendo moi crítico con esta solución.
Sobre esta proposta, cualificada de "equilibrada e respectuosa" polo concelleiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, Jacobo Moreira afirmou que "probablemente" terán que pronunciarse os tribunais, avanzando a súa disposición non só de solicitar unha aclaración da sentenza do TSXG senón de recorrer de novo ante a Xustiza o acordo adoptado este mércores polo goberno municipal.
Tras solicitar que se aporten numerosos informes técnicos, económicos e xurídicos que xustifiquen este novo reparto de salarios municipais, Moreira criticou que só se retiren dedicacións exclusivas ao PP e non ao goberno local, algo que, entende, deixa "patente" que esta decisión "es una burla" á sentenza. "Es una provocación, es justo lo contrario a lo que dice el TSXG", afirmou, denunciando que "no hay más finalidad que eludir su cumplimiento".
Relacionadas:
-
Tres concelleiros do PP perden definitivamente a súa batalla xudicial polos seus salarios municipais
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE cualifica de 'lamentable espectáculo' o debate sobre as dedicacións exclusivas entre PP e BNG
Por Redacción |
-
O pleno de marzo volverá debater as dedicacións exclusivas do PP ante a indignación de Jacobo Moreira
Por Redacción |
-
Moreira reitera que os soldos do PP son para María José Rodríguez, César Abal, Ricardo Aguilar e el mesmo
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira cuestiona a Lores por Bildu e este proponlle falar de espionaxes 'yanquis' ou das escisións do PP
Por Alejandro Espiño |
-
María Biempica rompe a disciplina de voto do PP e rexeita a reforma do aborto de Gallardón
Por Alejandro Espiño |