O Entroido 2014 chega con 'Ravachol Fórtex', un medicamento con "altas doses de divertinina" contra os recortes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O programa con todas as actividades deste Entroido 2014 xa está na rúa e este ano, por primeira vez, non desentoará na recreación da botica de Perfecto Feijoo que se fai cada ano na Peregrina en recordo de Ravachol e o seu dono. Cadrará moi ben co ambiente porque o programa chega en forma de medicamento, de 'Ravachol Fórtex'.
Este 2014 o pregón que dá a saída aos días centrais do Entroido lerano Os de Sempre e o programa deseñouno "o de sempre". Son palabras do propio autor, o debuxante Kiko da Silva, que este venres presentou a súa obra e chanceou con que é xa un clásico na elaboración do programa e coa coincidencia entre o seu apelido e o da concelleira responsable de Festas, Carmen da Silva.
O 'Ravachol Fórtex' ten forma de caixa de medicamento e inclúe un prospecto con toda a programación e pílulas "con altas doses de divertinina" que xa no paquete recomendan que "en caso de dúbida, consulte a Don Perfecto" e que se consuma "preferiblemente antes de que chegue o copago". Conxuga o ton de humor propio do Entroido coa crítica social aos recortes que se están a producir dende distintas administracións públicas e, en plenas festas, poderanse converter en confeti.
Eses recortes non chegaron ao orzamento para a programación pontevedresa deste ano, segundo Carmen da Silva, que asegura que seguen destinándose os mesmos fondos dende 2011, pero distribuídos de forma diferente. Así, óptase por "aforrar nas cousas que non traen máis xente" e non fomentan a actividade social.
Un exemplo desa redistribución de fondos chega cos premios do desfile central do Entroido. Nunha reunión con grupos e comparsas acordaron recortar os tres primeiros premios das comparsas para crear dous premios máis. Ademais, este ano non se repetirá o concerto organizado en 2013 con motivo do centenario do falecemento de Ravachol e reforzaranse as actividades vinculadas á Noite Pirata do martes 4 de marzo con actividades infantís pola tarde e cun barco máis no desfile nocturno.
"O Entroido xa está aquí", anunciou a concelleira. Este domingo 16 de febreros inaugurarase cun pasarrúas a cargo dos Xenerais da Ulla (Merza) e o sábado seguinte, o 22 de febreiro, tocaralle pasearse por Pontevedra ás Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa).
O resto da programación pódese consultar no documento adxunto, pero Carme da Silva advirte que pode haber unha variación no concurso de Murgas, pois este 2014 está habendo unha gran demanda, con 10 grupos xa apuntados, e se seguen rexistrándose participantes non poderá respectarse o programado e haberá cambios. Este incremento das Murgas tamén se confirma cun aumento das comparsas que confirmaron a súa participación no desfile do sábado 1 de marzo.
Relacionadas:
-
'Os de Sempre' abren cunha parodia o "mellor Entroido de Galicia"
Por Redacción |
-
Os Entroidos de Galicia, a análise na II edición das xornadas sobre esta festa popular
Por Redacción |
-
Anticipo carnavalesco en Pontevedra cos 'Xenerais da Ulla'
Por Redacción |
-
Os de Sempre, pregoeiros do Entroido 2014
Por Alejandro Espiño |