Todo vale? Ou confunden a velocidade co touciño

11 de septiembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Vendo o que esta pasando nos derradeiros anos coas mentiras, as falsas noticias e os datos inventados. Os que loitamos pola liberdade (non ao que lle chaman así en Madrid e que non é) víamos como a finais dos anos setenta (séc. XX) as cousas parecían que comezaban a tomar camiño. Eran tempos difíciles, aínda sacudían os "grises", espiábanos a Brigada Político Social e sentenciábanos o Tribunal de Orden Público

Vendo o que esta pasando nos derradeiros anos coas mentiras, as falsas noticias e os datos inventados. Os que loitamos pola liberdade (non ao que lle chaman así en Madrid e que non é) víamos como a finais dos anos setenta (séc. XX) as cousas parecían que comezaban a tomar camiño. Eran tempos difíciles, aínda sacudían os "grises", espiábanos a Brigada Político Social e sentenciábanos o Tribunal de Orden Público. Mais a moral era grande. E conseguímolo. Comezamos a andar, máis ou menos xuntos, parecía que había máis respecto polo contrario. Se o miro coa perspectiva de hoxe acabo pensando que non, que non había ese respecto. O que tiñan era medo. O procedentes do franquismo, e que non souberon evolucionar, deixaban facer porque tiñan medo. Vían que o movemento a prol da liberdade era imparable. Deixaban facer. Sempre pensaron que a leira era deles, e cando nos tocaba, nós traballábamos nela. Nunca creron na democracia, e si cren nela é por imperativo legal. Acabaron inventando o bipartidismo.

Cando perden o poder están lexitimados, por un poder divino, supoño eu, para acadalo de novo usando calquera método ao seu alcance. Non teño moito que esforzarme para velo, nin ir ao estranxeiro para buscar datos. Non hai que falar de "trumpismo", nin "fake news". Nós temos de sobra aquí mesmo . Feijóo chega ao poder cunha campaña noxenta. Chea de trolas. Apoiada nos medios afíns que as espallaban. Non quero repetir aquí todo o que se dixo sobre Anxo Quintana que mirando para atrás sacaríalle as cores a todo o PPdeG. Nin os famosos "audis" de Touriño que por outra banda mercara Fraga, agás un do bipartito. Cando gaña Feijóo cómprese a norma do franquista reconvertido. Hai que acabar con todo o que cheire ao goberno anterior, ao tufo "rojo". Primeiro cesamos a todos os nomeados por ese goberno. Da igual que sexan postos políticos coma técnicos. Moreas de ceses ao DOG, non vaia ser. Non cren nos funcionarios profesionais, logo meten amigos e pasa o que pasa. Incompetencia total. Logo o segundo paso, borrar toda a pegada de que pasaron por alí. As Galescolas pasan a Galiñas Azuis. As UXFOR a SOFOR. Veña a facer cambios, cambiamos todo para que non funcione nada. Galicia convertida nunha xestoría do que manda o Estado ou a UE. E as estrelas de Feijóo a desaparición da gratuidade dos libros de texto e aeliminación do galego como idioma científico, xa non se pode dar, no ensino, nin matemáticas, nin física, nin química en galego, non vaia ser que formemos "burros". Comezou o goberno das desfeitas.

Agora estamos nun banzo máis. No goberno de España non mandan eles. E veña trolas e mais trolas. Que si goberno ilexítimo. Que si rompe España. Que si isto, que si o outro: Mentiras e máis mentiras. A súa prensa amiga non para. Mais, despois dos pactos que fixeron con Vox, véselle o seu verdadeiro rostro. Quérennos convencer de que debemos ser estoicos, que debemos ser felices co que temos. Que vivimos por riba das nosas posibilidades mentres dan amnistías fiscais aos que fugaron capital a fóra, ex-xefe do estado incluído. Que temos que aceptar certa mediocridade. Non lles vale a suba do SMI. Non lles valen os avances en igualdade. Non lles vale nada que faga que a xente poda vivir mellor. Iso si o seu programa estrela e a baixa de impostos aos ricos, aos demais xa nolos quitan das nóminas. A súa teoría é o negacionismo (negar a realidade para evadir unha verdade incómoda).

Por iso non paran de mentir e mentir. Para eles todo vale. Si non o sabíamos deixárono ben claro o alcalde Madrid José Luis Martínez-Almeida e o presidente de Andalucía Juanma Moreno Bonilla sobre as predicións que fixo a AEMET sobre a chegada dunha DANA sobre a península. O primeiro dille á AEMET o seguinte: "Creo que en la medida de la posible hay que afinar las previsiones cuando hay una proximidad temporal por los perjuicios y la credibilidadque tenemos que tener desde las instituciones", todo porque na "almendra" de Madrid non choveu nas cantidades se tiña avanzado, é dicir Madrid e o mundo mundial. Non saben que hai máis vida despois da M-30. No caso do presidente de Andalucía publicou en X : "En días como hoy, es necesaria la precaución y no poner vidas en riesgo. Pero también hago una llamada a la reflexión: si un organismo público alerta de "peligro extremo" debe estar muy seguro, porque eso tiene consecuencias sociales y económicas. Prudencia toda. Rigor, también".

Foron opinións moi desgraciadas. Foron mentiras que tamén publicaron xornais da súa corda, e periodistas que comen na súa maseira. Cumpreuse o que dixo a AEMET. O peor é que aínda con avisos houbo, desgraciadamente, mortos e desaparecidos. Non vin desculpas por ningures. O único que vin foi que algún xornal e ou periodistas borraron as opinións das redes.

Contra o negacionismo sempre nos vai quedar o escepticismo científico que sempre cuestiona as crenzas con base ao coñecemento científico. O escepticismo é a orixe da ciencia moderna que define moi ben o físico Richard Feynman : "A ciencia é o xeito que inventaron os seres humanos para deixar de enganarnos a nós mesmos". E como di o escritor Daniel Tubau "á ciencia debemos engadir ese invento escéptico chamado democracia, que consiste en renunciar á perfección e a calquera verdade indiscutible, como a dos líderes carismáticos, os ditadores ou os tiranos".

Moita envexa me daba ver aos políticos de centrodereita europea cando viñan visitar España para entrar no CEE, logo UE. Viñan da II GM, de pasar o nazismo. Renegaban de todo iso. Axudaban a construír o estado de benestar. A dereita española, por desgraza, nunca soltou a herdanza da súa orixe. Cada vez déixano máis claro coa súa alianza con Vox e as súas políticas de privatizacións do público.

Por iso non vale todo para acadar o poder. Non. Confundir a velocidade co touciño non está ben, aínda que teñen unha cousa en común e é que nos dous casos pódese acabar escorregando e a gulifada pode ser terrible. Bona diada a totes i tots.