Tribuna Viva
A APDR esixe a demolición dos recheos ilegais no Porto de Marín
Diante da actitude da Autoridade Portuaria que vén de solicitar ao Tribunal Supremo que de por executada a sentenza que anulaba os Planos Especiais do Porto dos anos 2001 e 2005 e que declaraba ilegais os recheos realizados en base aos citados planos especiais, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) quere deixar ben claro que o único xeito de dar cumprimento á citada sentenza é levando a cabo a demolición dos recheos realizados ilegalmente, pois esa e non outra é a resolución do Tribunal Supremo; non se pode esquecer que o único xeito de cumprir unha sentenza é executándoa nos seus propios termos e, xa que logo, que por máis que desde a Autoridade Portuaria se busquen subterfuxios para non cumprila, a sentenza só estará executada cando teñan sido demolidos os recheos que nos ocupan; só así se terá recuperado a legalidade no Porto.
Neste sentido, queremos deixar ben claro que é absolutamente inxustificábel o argumento utilizado desde a Autoridade Portuaria que pretende xustificar o dano ambiental causado polos recheos ilegais (danos sobre o medio e sobre a riqueza marisqueira da Ría) en base ao hipotético dano superior que suporía o levantamento destes recheos e a restitución da legalidade.
Para a APDR, que defende que de ningún modo estes supostos danos serían superiores ao dano xa causado, resulta inadmisíbel que se poida botar man deste argumento, pois do contrario estaríamos permitindo "de facto" calquera agresión ambiental pola dificultade de devolver a situación ao seu estado anterior. Estariamos premiando, sen ningunha dúbida, ao infractor e condenando aos prexudicados, neste caso as xentes que viven da explotación racional do marisqueo e a pesca de baixura.
Así as cousas, esiximos que se apliquen as sancións pertinentes ás autoridades portuarias por non ter cumprido o mandato xudicial ordenado polo TSXG, que daba un prazo de 20 días para que o Porto dese cumprimento ao fallo do alto tribunal. Ao noso entender, esta situación require a adopción dun castigo exemplar para os responsábeis, aos que mesmo se lle debería esixir a responsabilidade penal pola comisión dun delito continuado contra o medio ambiente.
En efecto, as autoridades do Porto de Marín non só non cumpren as sentenzas xudiciais que non deixan lugar a dúbidas sobre a ilegalidade dos recheos realizados en anos anteriores, senón que continúan a facer novos recheos moitas veces.
Polo que fai ao novo Plan Especial do Porto de Marín aprobado hai uns meses de forma provisional pola Consellería de Medio Ambiente e que desde a Autoridade Portuaria ven como a solución definitiva ao problema dos recheos ilegais, debemos insistir en que presenta os mesmos erros que presentaba o anulado pola sentenza xudicial do Tribunal Supremo que nos ocupa, de forma particular no que fai á ausencia dun verdadeiro estudo de impacto ambiental dos recheos que se pretende legalizar.
Trátase realmente dunha copia dos plans anteriores e, xa que logo, é igualmente ilegal, polo que de se aprobar definitivamente- desde a APDR entendemos hai razóns abondo para poñer en coñecemento do fiscal estes feitos e esixir responsabilidades por un delito medio ambiental e outro de prevaricación, delitos dos que serían responsables a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, os presidentes da Autoridade Portuaria, deste Tomás Iribarren pasando por María Ramallo e Juan Carlos Surís ata José Benito Suarez Costa e o Director e o responsable do departamento de Desenvolvemento do Porto.
Antón Masa, presidente da APDR
10/07/2013