O que os pontevedreses deberían saber sobre o "basureiro" de Louzán e Lores

17 de enero 2015
Actualizada: 18 de junio 2024

Hai ben pouco tempo, os socialistas denunciabamos en solitario a ocorrencia do  "basureiro" provincial que o PP e o BNG (ou se prefire Louzán e Lores) queren montar no cumio do monte da Fracha. Tocounos concienciar á sociedade e, hoxe, vemos con satisfacción que hai moita xente que comparte argumentos e opinión connosco.

Denunciamos o escurantismo nun expediente do que foron excluídos os técnicos municipais, dunha convocatoria para a presentación de ofertas de terreos que foi un paripé, ata o punto de que houbo quen tivo que sacar da manga outra "opción misteriosa" que supón unha auténtica catástrofe medioambiental e social. E, finalmente, denunciamos a contratación dunha empresa privada para "vestir" os informes da parcela forestal deste "basureiro" e do fracasado concurso provincial do lixo.

Agora que Louzán e Lores (Lores e Louzán, tanto monta) xa admiten que é necesaria máis transparencia e que cómpre informar máis e mellor aos veciños, aí van algunhas cuestións que, de seguro, agradecerán os cidadáns de Pontevedra, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa:

Non é unha planta de compost. ÿ un "basureiro" integral. O propio alcalde recoñeceu que haberá unha planta de clasificación porque o lixo orgánico chega repleto de impropios. ÿ dicir, lixo convencional que non é posible compostar e ten que ir a un vertedoiro. Por outra parte, falouse xa de incluír o tratamento da bolsa amarela e de papel-cartón. E a bolsa amarela é a fracción con maior volume de impropios. Ou sexa, máis vertedoiro.
Comezaron dicindo que bastaba con dúas Hectáreas de terreo, e agora xa din que son necesarias 10. Outro claro indicio.
Finalmente, a Xunta de Galicia xa expresou o seu apoio a este estraño proxecto. O certo é que o PP leva anos tratando de introducir unha planta de tratamento de lixo no Sur de Galicia para aliviar a SOGAMA. A Xunta do PP necesitaba un socio, un cómplice útil. E atopouno no alcalde de Pontevedra.

Un proxecto vital? O BNG dinos agora que é un proxecto vital para Pontevedra. Pois moi vital non era cando asinamos o Pacto de goberno de coalición hai tres anos. Nin tampouco cando fixeron o seu programa electoral.  ÿ vital dende que o PP e o BNG (Louzán e Lores) comparten obxectivos e estratexia. E vital para quen?

Este tipo de instalacións cheiran a Km de distancia. Hai centos de novas, recollidas pola prensa de toda España (e medio mundo), de queixas polos cheiros das plantas de compostaxe e os vertedoiros de lixo que levan aparellados. Algunhas delas, moito máis pequenas que a que se pretende instalar na Canicouva. Queixas en Madrid, Cataluña, Andalucía, Navarra, País Vasco, Aragón, Baleares, Cantabria... Google dá boa testemuña disto.
Máis aínda, varias plantas foron pechadas por impacto oloroso. Os malos cheiros espállanse a varios Km á redonda en función da dirección do vento.

Adeus ao aroma de Ence, ola ao do "basureiro" da Fracha. Resulta todo un paradoxo que a cidade que durante décadas padeceu os cheiros de Ence impulse agora unha instalación industrial que vai provocar un impacto oloroso que pode ser mesmo peor.
Un absurdo rematado pola elección duns terreos  no cumio da Fracha. Parece evidente que se monta un vertedoiro polo que van pasar  entre 30.000 e 70.000 toneladas de residuos sólidos orgánicos ao ano no alto dun monte escasamente arborado, xa podemos imaxinar o que van soportar os veciños dos núcleos rurais máis próximos. O vento dirá.

Contaminación de augas subterráneas. Hai plantas de compostaxe pechadas en España por contaminación das augas subterráneas. E as multas e expedientes dos respectivos gobernos autónomos abundan. E está claro que no monte da Fracha nacen os mananciais das traídas de augas dos veciños de varios núcleos importantes. Hai quen dixo que iso soluciónase cunha soleira de formigón. Non sei se convenceu a alguén.

Un risco económico para o Concello. O investimento para a instalación desta planta irá moito máis alá dos 6 millóns dos que fala o BNG. A Deputación estima o custo en 22,6 millóns de euros para unha planta de 30.000 toneladas. Sumemos camións de recollida específica, parque de contenedores...
Louzán e Lores (Lores e Louzán) falan de que aforraremos un millón de euros co lixo que deixaremos de enviar a SOGAMA. O certo é que non aforraremos nada. Máis aínda, perderemos moitos cartos e comprometeremos a saúde económica do Concello.

A planta de compostaxe de Nostián perde 1 millón de euros ao ano.
A planta de Lousame perde 650.000 euros ao ano.
E a planta do Morrazo está directamente pechada.A verdade é que o compost carece de saída comercial. E, aínda máis, pode estar comprometido pola presencia de metais pesados e sustancias contaminantes. De feito, hai ben pouco regulouse restritivamente en Galicia a utilización dos lodos de depuradora como ingrediente deste abono. Abondan os episodios de contaminación de solos por todo o mundo pola utilización de abonos "ecolóxicos".
Os veciños que viven no centro da cidade acabarán pagando moi cara esta idea feliz. Así que non pensen que isto non vai con eles e que é un problema do rural.
Ás débedas con Sogama, que xa son importantes, habería que engadir máis débedas á futura empresa concesionaria da xestión planta de lixo do monte da Fracha.

Este proxecto correspóndelle á Xunta. Os socialistas vemos con bos ollos que se monte un complexo integral de tratamento do lixo. Pero pensamos que antes hai que despexar moitas dúbidas para que o proxecto non acabe convertido nun sonoro fracaso. Sabemos que o PP e o BNG utilizarán todos os seus recursos demagóxicos para dicir que estamos en contra da reciclaxe. Nada máis errado.
En primeiro lugar pensamos que o "basureiro" do Sur de Galicia debe ser, tal e como  a Xunta intentou antes en dous concellos ourensáns, un proxecto de selo autonómico, impulsado dende o Goberno galego no exercizo da súa responsabilidade e das súas competencias.

¿Que pinta o Concello de Pontevedra asumindo a xestión do lixo dun número indeterminado de concellos da provincia? ¿Como se explica que o BNG, que se opuxo con todas as súas forzas á instalación da empacadora de Vilaboa (unha instalación moito menos agresiva ambientalmente), apoie agora converter a Pontevedra na capital provincial do lixo?

Faltan estudios técnicos e económicos. Unha cuestión desta importancia, cun investimento tan forte precisa de estudos serios e rigorosos sobre a viabilidade económica e técnica. E todo elo, como dixemos, iniciado dende a Administración competente para a xestión integral do lixo en toda Galicia. Isto non se arranxa coa contratación dunha empresa na Deputación á que se lle encargan uns informes sobre uns terreos elixidos politicamente.

Por que non a un polígono industrial? Unha instalación destinada ao reciclado integral do lixo e á transformación industrial dos residuos sólidos urbanos debe estar situada nun polígono industrial. Ou sexa, terreos especialmente cualificados urbanisticamente para acoller industrias, avaliados ambientalmente e dotados de todos os servizos necesarios. Non compartimos que se estrague un monte, é dicir solo de protección forestal.
Canto van custar dotar de accesos rodados, auga, luz e saneamento ao cumio do monte da Fracha? Todo isto xa existe nun polígono.
Resulta sintomático que Louzán non quera o "basureiro" da compostaxe no polígono  de Barro-Meis porque cheira que apesta. Alí hai máis dun millón de metros cadrados urbanizados ou por urbanizar. Pero, claro, en Barro-Meis molesta. Na Fracha, parece que non.