Tribuna Viva
Os nomes do río Freiría
Desde tempos inmemoriais, os ríos foron un elemento importante da natureza para o desenvolvemento da actividade humana. ÿ longo do seus cursos foron articulándose poboacións e a vida dos habitantes xiraba en torno á corrente da auga. Por moi longos ou curtos que fosen, ou o caudalosos que chegasen a ser, recibían un nome propio en cada tramo polo que pasaban, aínda que ó final sempre se impuña un sobre os demais para identificalo.
Con todo, as demais denominacións sempre se mantiveron e o principal río da nosa parroquia non é unha excepción. O río Freiría conta con varios nomes na tradición oral e escrita que reflicte tamén unha parte da historia de Samieira.
O nome principal, Freiría, tómao no seu nacemento na parroquia de Busto e está vinculado a unha comunidade de monxes que se instalara alí arredor do século XIV. Este nome é o que máis se emprega para designar o noso río nos documentos antigos, coma no catastro de Ensenada, onde tamén se rexistra outro dos nos nomes máis comúns nos documentos dos séculos XVII e XVIII, Caudal, que dá idea da abondosa auga que levaba o leito. Ademais, nos documentos desa mesma época tamén se designa ás veces como río Caudaloso, denominación que insiste nesa mesma característica. Por outro lado, tanto Caudal como Caudaloso son formas que parece que foron desaparecendo dos documentos e da memoria á medida que o nivel de auga ía minguando no río. A abundancia de auga hai apenas tres séculos era considerable, o que permitiu que tan só en Samieira se chegasen a instalar ata vinte e sete muíños, funcionando a pleno rendemento. A sona dos muíños fixo que mesmo moita xente doutras parroquias viñeran a Samieira moer, o que ocasionou que tamén o río se coñecese como río dos Muíños ou só Os Muíños.
Respecto ós treitos que nalgún momento lle cederon o nome ó río hai uns cantos, como Amarel, ó seu paso por eses terreos. A construción da escola en Tarrío xa no século XX na beira tamén propiciou que algúns o empezasen a chamar río da Escola. Pero ás veces tamén se dá o proceso contrario, é dicir, o río acaba dando nome a un lugar, como é no caso de Riodama. Lonxe do que se pode pensar nun principio, este topónimo non ten nada que ver cunha dama. En realidade, a terminación ama, ó igual que outras variantes coma amna e ana é a forma preindoeuropea coa que se designaba á auga en curso. Co paso do tempo, esta forma perdeu o seu significado primixenio, pero sobreviviu nos topónimos relacionados coa auga como Guadiana, Acea da Ama e o noso Riodama, entre outros. Por iso, o nome Riodama é o máis antigo de todos os referidos ó río Freiría, de xeito que cando esa zona se poboou chamouse igual có río. Xa preto da desembocadura, recibe o nome de Ladróns, ó igual que a terra pola que transcorre. Ladróns é tamén un topónimo cunha etimoloxía confusa. O sentido primitivo do termo remite a unha presa no río, pero as continuas historias sobre cacos que se internaban na praia para esconder os botíns ou que aproveitaban para roubar os cultivos afianzaron a idea de Ladróns co sentido de amigos do alleo. Pero a variante Ladóns, que tamén aparece na documentación corrobora a súa verdadeira orixe.
A abundancia de hidrónimos cos que se designan un só río é un indicio da riqueza da historia dos lugares polos que pasa. Nos poucos quilómetros que o río Freiría transcorre por Samieira hai rexistrados máis de media ducia de nomes que acabamos de ver e que nos contan algúns dos aspectos máis interesantes para coñecer mellor a nosa parroquia.
Lucía Domínguez