Concibido como unha vía de navegación para facilitar o transporte de mercadorías entre o interior da meseta castelá e o porto da cidade cántabra de Santander, o Canal de Castilla esténdese ao longo de douscentos sete quilómetros que aproveitan as augas subministradas polos caudais dos ríos Carrión e Pisuerga.
O seu trazado atravesa as provincias de Palencia, Burgos (apenas once quilómetros) e Valladolid, e constituíu unha das grandes obras de enxeñería hidráulica do século XVIII en España, ademais de se converter, co paso do tempo, nunha importante canle de regadío e abastecemento de auga para os campos polos que discorre, que configuran unha fermosa paisaxe de chairas inmensas que parecen non ter fin.
A súa construción, impulsada polo goberno ilustrado de Fernando VI, que viu no proxecto unha oportunidade para modernizar as infraestruturas e potenciar o comercio do reino de España, alongouse case un século completo, e o Marqués de la Ensenada, home de confianza do monarca, tivo un papel fundamental no seu deseño e planificación, porque foi o encargado de estudar os diferentes trazados posíbeis e de asegurar o financiamento dunha obra, que, entre outros, tivo como modelo o Canal du Midi francés, construído no século XVII para conectar o río Garona co mar Mediterráneo.
As obras de execución do proxecto español comezaron en 1753 para rematar en 1849, case cen anos despois, e resultaron realmente dificultosas por mor do tremendo desnivel do terreo polo que transcorre, que chega a acadar os cento cincuenta metros, unha pendente que fixo necesaria a construción dun total de corenta e nove esclusas, algunhas delas dobres e triplas, e mesmo algunha cuádrupla, distribuídas entre as súas tres ramificacións, coñecidas como Ramal Norte, que comeza en Alar del Rey, Ramal de Campos, con inicio en Medina de Rioseco, e Ramal Sur, que vai dende a cidade de Valladolid até o punto de confluencia dos tres nas inmediación da vila palentina de Calahorra de Ribas.

O éxito da gran obra foi tan rotundo que na súa primeira década de funcionamento, entre os anos 1850 e 1860, chegaron a navegar pola canle máis de trescentas cincuenta barcazas tiradas por mulas que avanzaban polas ribeiras a través dos chamados caminos de sirga, sendas que os propietarios das terras próximas tiveron que ceder para facilitar a navegación, e ademais, os saltos de auga xerados polos diversos desniveis foron aproveitados para a instalación de muíños e fábricas de fariña que desempeñaron un papel fundamental no desenvolvemento económico da zona.
Pero o rápido avance que tivo no século XIX o ferrocarril, un método moito máis eficiente cás barcazas para o transporte de mercadorías, e o feito de que a construción da gran vía fluvial nunca chegara a completarse na súa totalidade, en parte pola dificultade de facela atravesar as montañas que separan Cantabria da meseta castelá, provocaron que o Canal de Castilla acabase perdendo pouco a pouco a súa función, e as esclusas, os muíños, as fábricas, as dársenas, e os almacéns construídos nas súas beiras fosen ficando abandonados e sumidos nun máis que lamentábel estado de ruína, pero aínda así ofrecéronme a posibilidade de pasar uns días moi gratos de exploración, ao tempo que me serviron para coñecer verdadeiras xoias arquitectónicas que fun atopando nas vilas polas que transcorre.

Comecei o meu percorrido polo Canal de Castilla, no coñecido como o seu Ramal Norte, que transcorre por terras de Palencia e arranca na vila de Alar del Rey, o punto onde a vía fluvial se nutre das augas do río Pisuerga a través dun encoro, rodeado dunha fermosa paisaxe de prados e montañas, e antes de me poñer en marcha, visitei os restos da dársena á que as mercadorías chegaban nas barcazas para ser despois transportadas en carros a través dos camiños de montaña que conducían ao mar Cantábrico, un duro labor que levaba unha enorme cantidade de tempo.

Dende Alar del Rey fun baixando cara á vila de Herrera de Pisuerga, onde subín ao barco Marqués de la Ensenada, que, cunha exquisita tranquilidade que me permitiu valorar a fermosura da paisaxe, me levou canle arriba, entre longas ringleiras de árbores vizosas, até unha esclusa que, ademais de me permitir imaxinar o funcionamento da canle na antigüidade, me agasallou coa magnífica experiencia de poder transportar a mente a aqueles anos remotos nos que a mesma vía pola que eu viaxaba estaba ateigada de barcazas cargadas de mercadorías, arrastradas con maromas dende os caminos de sirga por unhas pobres mulas, que cada certa distancia tiñan que facer unha parada para poder descansar do seu inmenso esforzo ou para ser substituídas por outras.
Logo de descender do barco retomei a miña ruta para poder visitar a vila de Frómista, onde quedei marabillado coa súa esclusa cuádrupla, unha auténtica obra mestra da enxeñaría da época, construída preto do sitio onde as augas do canal se atopan co Camiño de Santiago, pero, antes de chegar a ese punto, crucei por outro dos lugares senlleiros do meu percorrido, un abraiante acueduto de pedra calcaria polo que a canle cruza por riba do río Ucieza, outro gran desafío arquitectónico para a súa época.

Ademais da experiencia do canal, a vila de Frómista agasalloume cunha visita á formidábel igrexa de San Martín de Tours, coa súa inconfundíbel silueta de torres cilíndricas, e unhas harmoniosas proporcións que a converten nunha das grandes alfaias da arte románica, e que, xunto coas de San Pedro e Santa María del Castillo, que mesturan elementos góticos, renacentistas e barrocos, converten Frómista nun espectacular escaparate da evolución da arquitectura entre os séculos XI e XVII.
Abandonei durante unha xornada as inmediacións do Canal de Castilla para visitar a vila de Carrión de los Condes, só por ver a igrexa de Santiago, que ten un pórtico do século XII inspirado na obra de Mestre Mateo e acolle no seu interior un interesante centro de interpretación da arte románica, aínda que debo recoñecer que o templo que realmente me deixou fascinado descubrino na aldea de Támara de Campos, porque a súa enorme Igrexa de San Hipólito, do século XIV, chamada catedral polo seu tamaño, cunha impresionante torre de cincuenta metros de altura e un rico interior de estilos gótico e renacentista, que alberga unha xoia única dun valor incalculábel, un abraiante órgano barroco construído sobre unha esvelta columna de madeira con nada menos que oitocentos noventa tubos, que dá unha idea da importancia que debeu de ter durante a Idade Media a igrexa dun lugar que na actualidade non chega aos setenta e cinco habitantes e que me fixo pensar na cantidade de reviravoltas que pode dar a historia.

De regreso no canal, dirixinme a Calahorra de Ribas, un dos grandes emblemas da vía fluvial, porque foi o lugar onde se colocou a primeira pedra para a súa construción, xusto no punto onde se xuntan os ríos Pisuerga e Carrión, que obrigaron a deseñar tres impoñentes esclusas que serven como punto de partida para os seus tres ramais.
Escollín para continuar o coñecido como Ramal de Campos que conduce á vila valisoletana de Medina de Rioseco, que acolle a dársena máis grande do canal e conserva numerosas edificacións históricas, como a Fábrica de Harinas San Antonio, un impoñente edificio con estrutura de ladrillo e metal que representa un dos exemplos máis representativos da industria tradicional da zona, pero antes de chegar alí fixen varias paradas, en Villaumbrales, onde visitei a Casa del Rey, un antigo estaleiro con dique seco para a reparación das barcazas, hoxe convertido en Museo del Canal de Castilla, e en Sahagún el Real, unha pequena poboación que xurdiu (e morreu) ao redor do canal, dedicada principalmente a actividades relacionadas coa súa explotación, que conserva algúns elementos como o fielato, un posto de control onde se cobraban impostos sobre as mercadorías transportadas, un embarcadoiro, uns almacéns, unha ponte e a única ermida do canal, que está nun estado de vergoñento abandono.

Do Ramal Sur visitei as ruínas da antiga telleira de El Serrón, e na cidade de Palencia a dársena e un Museo da Auga emprazado no que foi un almacén, e puiden gozar da fermosura da vila de Dueñas, que ademais de varias esclusas e restos de antigas fábricas de fariña, ter unha fermosísima Praza Maior, unha igrexa de Santa María de la Asunción, que constitúe un magnífico exemplo de arquitectura gótica, e un Palacio de Dueñas, que ten unha impoñente fachada renacentista.
E finalmente, cheguei ao remate do meu percorrido, na cidade de Valladolid, cunha enorme dársena que está totalmente integrada no casco urbano e conserva as antigas edificacións portuarias, aínda que a parte máis importante da miña visita dediqueina a gozar do Museo Nacional de Escultura, con sedes no Palacio de Villena e na Igrexa de San Benito el Real, que acollen unha das mellores coleccións de pezas de grandes mestres como Juan de Juni e Gregorio Fernández. Un auténtico luxo como colofón da miña ruta.

O meu percorrido polo Canal de Castilla foi como unha pequena viaxe no tempo, na que cada vila, cada dársena, cada esclusa, cada fábrica de fariña en ruínas, foi quen de me contar unha historia propia, e cada parada que fixen, moitas veces perante indescritíbeis obras de gran beleza arquitectónica, resultou ser un capítulo distinto dunha longa historia que me axudou a conectar cun soidoso pasado industrial que, dalgunha maneira, parece intentar sobrevivir en todos os recunchos das vilas que fun visitando.

Acueduto sobre o río Ucieza

Alar del Rey, almacéns

Alar del Rey. Encoro onde nace o Canal de Castilla

Arboredo nas beiras da canle

Calahorra de Ribas, monolito da chegada do canal no ano 1753

Canal de Castilla, camino de sirga e chaira

Canal de Castilla, ponte

Canal de Castilla. El Serrón

Canal de Castilla. Esclusas

Canal de Castilla

Carrión de los Condes, Praza Maior e Igrexa de Santiago

Carrión de los Condes. Igrexa de Santa María

Fábrica de fariñas abandonada

Frómista, Triple esclusa

Frómista. Igrexa de San Pedro

Herrera de Pisuerga. Esclusas

Herrera de Pisuerga

Igrexa de San Martín de Tours en Frómista

Igrexa de San Martín de Tours en Frómista

Medina de Rioseco. Harinas de San Antonio

Palencia, dársenas do Canal de Castilla

Sahagún el Real, ermida e almacén do Canal

Támara de Campos, catedral de San Hipólito

Támara de campos, órgano da catedral de San Hipólito

Tripla esclusa

Valladolid, almacén na dársena final do Canal

Valladolid, dársenas do Canal de Castilla

Valladolid, entrada ao Museo Nacional de Escultura (Colegio de San Gregorio)

Valladolid, Igrexa de San Pablo

Villaumbrales. Museo do Canal de Castilla

Acueduto sobre o río Ucieza

Alar del Rey, almacéns

Alar del Rey. Encoro onde nace o Canal de Castilla

Arboredo nas beiras da canle

Calahorra de Ribas, monolito da chegada do canal no ano 1753

Canal de Castilla, camino de sirga e chaira

Canal de Castilla, ponte

Canal de Castilla. El Serrón

Canal de Castilla. Esclusas

Canal de Castilla

Carrión de los Condes, Praza Maior e Igrexa de Santiago

Carrión de los Condes. Igrexa de Santa María

Fábrica de fariñas abandonada

Frómista, Triple esclusa

Frómista. Igrexa de San Pedro

Herrera de Pisuerga. Esclusas

Herrera de Pisuerga

Igrexa de San Martín de Tours en Frómista

Igrexa de San Martín de Tours en Frómista

Medina de Rioseco. Harinas de San Antonio

Palencia, dársenas do Canal de Castilla

Sahagún el Real, ermida e almacén do Canal

Támara de Campos, catedral de San Hipólito

Támara de campos, órgano da catedral de San Hipólito

Tripla esclusa

Valladolid, almacén na dársena final do Canal

Valladolid, dársenas do Canal de Castilla

Valladolid, entrada ao Museo Nacional de Escultura (Colegio de San Gregorio)

Valladolid, Igrexa de San Pablo

Villaumbrales. Museo do Canal de Castilla