Bea Gómez Cortés estréase no Nacional de Inverno de Castellón con prata nos 200 libres
Por Redacción
Bo inicio de Beatriz Gómez Cortés no Campionato de España de Inverno en Piscina Curta, que se celebra desde este venres en Castellón. No seu primeiro contacto coa piscina, a nadadora pontevedresa logrou a medalla de prata na proba dos 200 metros libres. Marcou un tempo de 1:56.37, o que supón un novo récord galego. Só foi superada pola mallorquina Melani Costa, que nadou case dous segundos máis rápida.
Xunto cos 200 metros libres, a pontevedresa nadará noutras cinco probas destes campionatos. Este sábado competirá nos 200 metros braza (a partir das 10.55 horas), nos 400 metros estilos (a partir das 11.38 horas) e nos 400 metros libres (desde as 17.37 horas). Para o domingo quedaranlle os 200 metros estilos e os 100 metros libres.
Ademais de Bea Gómez, outra compoñente do Club Natación Galaico debutó nesta primeira xornada do Campionato de España. Trátase de Iria García, que competiu nos 1.500 metros libres, unha das tres probas nas que nadará esta fin de semana. Aos seus 22 anos, a nadadora logrou parar o crono en 17:29.43. Foi décima na súa serie e vixésimo segunda na clasificación xeral.
A proba estivo dominada pola plusmarquista Mireia Belmonte, coa que Iria García compartiu serie, a terceira. Foi a máis rápida de todas. Todas as rapazas animáronse ante o excepcional ritmo imposto por Belmonte, que malia os seus problemas estomacais logrou bater o récord do mundo nesta distancia ao completala en 15:26.95. "Ha sido una sorpresa, no me lo esperaba", dixo ao remate da proba.
Iria García volverá á piscina este sábado. Será nos 400 metros libres, onde coincidirá con Bea Gómez Cortés. O domingo farao nos 800 metros libres. A terceira nadadora do Galaico, Paula Goyanes, terá que esperar á última xornada para disputar a proba para a cal clasificouse, os 200 metros estilos