A III KDD Monte Castrove agarda xuntar o domingo uns 500 aficionados á BTT
Por Alejandro Espiño
O espectáculo das BTT volve a Poio. 'Os Bicivoadores' organizan este domingo 6 de outubro a III edición da KDD Monte Castrove. Trátase dunha proba que non ten carácter competitivo, senón que se trata dun evento popular. Transcorrerá ao longo de 32 quilómetros, un circuíto dunha dificultade física alta e dificultade técnica media.
Os participantes sairán ás 09.30 horas desde o IES de Poio. Apoiados por Policía Local e Protección Civil, iniciaranse os preto de 20 quilómetros de subida que irán levando aos ciclistas polo monte comunal de varios lugares do municipio como Combarro, Samieira ou A Armenteira. Logo quedarán xa os doce quilómetros de baixada para concluír de novo na contorna do centro escolar.
Para todos eles, haberá avituallamento a metade de percorrido e pincho e bebida ao finalizar. Ademais, todos aqueles que así o precisen poderán dispoñer das duchas do instituto e terán mangueiras para proceder ao lavado das bicis.
Segundo explicou Juan Carlos Recuncho, presidente de 'Os Bicivoadores', ata a data hai 300 inscritos nesta ruta popular, aínda que calcula que finalmente participarán preto de 500 ciclistas. O único requisito obligatorio para iso é o uso do casco.
Na presentación desta III KDD Monte Castrove, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, celebrou que esta proba teña continuidade no calendario da especialidade e destacou que "a bici está de moda en todas as súas especialidades", algo positivo, destacou, "porque facer deporte é algo fundamental".