Chema, capitán do Universidade de Vigo, incorpórase ao Pontevedra Rugby Club
Por Redacción
Un xogador de Club para un Club novo, Jose María Fernández 'Chema': 18 anos como xogador do Universidade de Vigo, forxado no increible e duro camiño dende a competición rexional ata a División de Honra do rugby español, innumerables veces seleccionado con Galicia, preseleccionado coa selección española de Ged Glynn, ese é o curriculum do eterno capitán do club olívico. Moitos anos de experiencia, triunfos e derrotas que só un pequeno grupo de xogadores galegos poden igualar; de Chema poderá agora aproveitarse o Pontevedra Rugby Club, toda unha honra acoller un xogador e adestrador deste nivel, ao que o club da cidade do Lerez quixo incorporar dende a primeira vez en que as carreiras de ambos os dous se achegaron.
Poderoso xogador que se desenvolve como segunda ou terceira liña. Determinante no seu posto, a súa experiencia axudará á jovencísima e talentosa dianteira do club que aproveitará o privilexio de poder xogar ao lado dun xogador deste nivel.
Pero non é a faceta de xogador a fundamental para o Pontevedra Rugby Club, senón aproveitar un adestrador que levou durante 6 anos o equipo de 1ª Galega Feminina do Universidade de Vigo. Baixo a súa atenta mirada creceran as dianteiras de todas as categorías do club pontevedrés. Sen dúbida a súa presenza enriquecerá o club a todos os niveis, como a dun xogador que marca diferenzas, a dun 'rugbier' implicado en todas as facetas do deporte, a da experiencia como adestrador e organizador de competicións.
Ilusionado como un crío que empeza unha nova aventura, así chega Chema; para seguir facendo crecer o Pontevedra Rugby Club e completando etapas dun camiño ilusionante xuntos.
O equipo pontevedrés inicia así o capitulo de altas e baixas do club. Tras a tempada que supuxo o seu asentamento na elite de categorías inferiores do rugby, esta será sen dúbida a tempada das sorpresas; moitos proxectos que se farán realidade a proxima tempada para iniciar o futuro dun club que leva case 5 anos avanzando como unha locomotora.