O Poio Pescamar cae nos cuartos de final da Copa de España (5-1)
Por Redacción
Non puido ser. Nin sequera achegouse á sorpresa o Poio Pescamar nos cuartos de final da Copa de España, e despediuse pola vía rápida do torneo do K.O. tras perder este venres ante o Futsi Atlético Navalcarnero (5-1) no encontro que abría a fase final.
Aspiraban as vermellas superar o seu teito na competición, fixado no primeiro dos cruces que xa disputou o pasado ano, pero esta vez o seu rival, o potente cadro madrileño, non deu opción.
O encontro comezou con intensidade e dominio branquivermello, con intentos desde media distancia e un Poio Pescamar pechado en defensa á espera de cazar algunha contra ou xogada de estratexia. Con todo o que chegou aos 4 minutos foi o primeiro tanto madrileño, nun remate ao segundo pau de Amalia Romero.
A mesma xogadora subía o segundo gol ao marcador un minuto despois aproveitando un balón solto na área a disparo de Leti, e provocando que Marcio Santos pedise tempo morto en busca dunha reacción. Tentouno o conxunto pontevedrés, pero non superaba a presión do Atlético perdendo perigosos balóns. Así foron pasando os minutos ata que xusto antes do descanso, nunha xogada de saque de banda, chegaba o 3-0 obra de María Sanz.
Parecía misión imposible, pero o Poio Pescamar saíu no segundo acto disposto a meterse no choque. A pesar dos intentos non chegaba o gol e o tempo seguía correndo, polo que a falta de 7 minutos Marcio optaba polo xogo de cinco, aínda que o que chegaría tras unha perda sería o cuarto tanto do Futsi.
A falta de 4 minutos conseguía recortar distancias o equipo vermello por medio de Daniela, pero a continuación Amelia poñería o 5-1 co que se chegaría ao final do encontro.
FUTSI ATLÉTICO NAVALCARNERO (5): Marta Balbuena, Ari, Leti, Amelia, María Sanz -cinco inicial- Ju Delgado, Marta Pelegrín, Nerea Moldes, Desi, Bruna, Estela.
POIO PESCAMAR (1): Silvia, Ale de Paz, Jenny, Iria, Ceci -cinco inicial- Delise, Daniela, Patri Corral.
Árbitros: Quintero Carrión e Carrillo Arroyo. Amoestaron a Jenny Lores e Iria Saeta no Poio Pescamar.
Goles: 1-0 Amelia Romero (min.4), 2-0 Amelia Romero (min.5), 3-0 María Sanz (min.20), 4-0 Leti (min.34), 4-1 Daniela (min.36), 5-1 Amelia Romero (min.37).
Incidencias: Partido de cuarto de final da Copa de España disputado no Complejo Deportivo Ciudad de Cádiz.