Superar a súa debilidade nos partidos a domicilio, unha necesidade para o Pontevedra
Por Diego Espiño
A melloría experimentada polo Pontevedra Club de Fútbol na última xornada de liga ante o Navalcarnero non se traduciu nos puntos esperados, e agora os granates buscarán emendar ese déficit facendo fronte ao que está a ser o seu talón de aquiles, os encontros lonxe de Pasarón.
Ata agora os de Luisito son o terceiro peor equipo da liga a domicilio, tras sumar só 3 dos 21 puntos posibles, os conseguidos no triunfo en Ferrol na única das sete saídas nas que conseguiu volver con puntos no zurrón.
É a segunda tempada consecutiva que se atragantan os choques fóra da casa, xa que a campaña pasada pese ao bo ano xeral e a clasificación para a fase de ascenso a domicilio o Pontevedra só sumou 15 puntos (3 vitorias e 6 empates).
Trátase en todo caso dunha carencia que esperan superar desde o vindeiro domingo (17:00 horas) nun campo complicado en canto ás súas características, de herba artificial, como é o do Guijuelo, conxunto salmantino que acumula cinco xornadas sen perder e que vén de vencer no seu estadio ao pechacancelas, o Valladolid B.
Ambos os dous equipos están empatados a puntos na clasificación con 15 puntos nunha categoría tremendamente igualada en canto á súa zona baixa, xa que desde o undécimo posto que ocupa o Talavera con 16 puntos ata o descenso hai só 1 punto de diferenza, con equipos chamados a principio de curso a pelexar polos lugares de honra como Toledo, Racing de Ferrol, o propio Pontevedra e ata a Ponferradina, antepenúltimo con 13 puntos.
O CALENDARIO, UN ALIADO
Se non queren caer ao pozo os granates deberán reaccionar canto antes, e aí aparece como aliado o calendario xa que dos seus próximos 6 enfrontamentos 4 disputaranse no Estadio Municipal de Pasarón. Tras viaxar a Guijuelo o Pontevedra recibirá de maneira consecutiva a Valladolid B e Segoviana, ambos os dous en postos de descenso, en duelos que se antollan como claves no futuro a curto prazo. Visitará despois ao modesto Unión Adarve e volverá actuar por dúas semanas consecutivas ante o seu público ao coincidir o fin da primeira volta e o inicio da segunda, contra os filiais de Atlético de Madrid e Celta de Vigo, este último o día 7 de xaneiro.
RECUPERAR A SOLIDEZ DEFENSIVA, UN OBXECTIVO
Outro dos aspectos para mellorar para o corpo técnico e no que está a facer especial fincapé Luisito é a solidez defensiva, xa que os pontevedreses son actualmente o terceiro equipo máis goleado do grupo con 20 tantos en contra. É por iso que os cambios nas últimas semanas, en parte por lesións e sancións, centráronse na retagarda, volvendo ante o Navalcarnero con relativo éxito ao modelo de tres centrais e carrileros que non funcionara nas primeiras xornadas da competición.
Ante o Guijuelo o técnico podería recuperar tras a súa sanción a David Goldar, un habitual no once, sempre que se recupere das molestias no nocello que lle acompañaron a última semana. A incógnita será saber por que sistema aposta o adestrador de Teo, se adianta a posición de homes como Kevin e Adrián León que o pasado domingo actuaron na defensa ou se dá entrada a algún dos dous laterais (David Castro e Miguel) que foron os sacrificados pola decisión de introducir carrileros.
Relacionadas:
-
Tropezando na mesma pedra. Dous goles no desconto castigan o Pontevedra (3-3)
Por Redacción |
-
A Guijuelo a por un triunfo que evite abafos
Por Diego Espiño |
-
Fútbol sen premio dun bo Pontevedra coa pólvora mollada ante o Navalcarnero (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O foco de atención no Pontevedra volve ao plano deportivo
Por Diego Espiño |
-
Luisito promete traballo na volta aos adestramentos: "O que non quería era ser un estorbo"
Por Diego Espiño |
-
Confianza en Luisito e revolución no plantel: "En diciembre tomaremos decisiones"
Por Diego Espiño |