Segue imparable o Poio Pescamar que suma a súa sétima vitoria consecutiva en Leganés (4-5)
Por Redacción
Non hai quen pare a este Poio Pescamar. O equipo que dirixe Marcio Santos venceu en Leganés, aínda que con apuros nun partido tolo e cheo de alternativas, sumando a súa sétima vitoria consecutiva e xa é terceiro na clasificación xeral, só por detrás do vixente campión Atlético Navalcarnero e Burela, dos que lle separan dous puntos.
O Leganés tentou presionar en tres cuartos a saída de balón rival, pero sería o Poio Pescamar cun comezo fulgurante quen se adiantaría con gol de Patri Corral aos tres minutos de xogo. Sen deixarlle tempo para recompoñerse ás locais, as visitantes facían o segundo cun disparo de Iria Saeta e só segundos máis tarde, á saída dun saque de esquina era de novo Iria Saeta quen poñía ás "rojillas" cunha clara renda no luminoso cando tan só disputáronse catro minutos de xogo.
Pero aos poucos, o Leganés foi espertando e conseguiu equilibrar o xogo, cun Poio máis centrado en manter a súa folgada renda e contemporizar as súas posesións. Aos catorce minutos Ángela a pase de Puche superaba no man a man a Silvia para poñer o 1-3. O gol animaba ás pepineras que conseguían marcar o segundo por medio de Mónica tras un roubo de balón en metade de pista.
Na segunda parte o Leganés trataba de inicio de buscar a igualada con remates de Laura Uña e Patri Montillo, aos que respondía o Poio cunha clara ocasión, que obrigaba a Sandra a empregarse a fondo, ata que aos 30 minutos chegaba o empate, conseguido por Luci aproveitando a superioridade numérica por expulsión (dobre amarela) de Cárol nas visitantes.
A falta de seis minutos, o Leganés culminaba a remontada con gol de Puche en parede con Laura Uña nunha rápida contra, pero a reacción do Poio foi fulminante e un minuto despois un remate afastado de Jenny levaba o 4-4 ao marcador e a tres da conclusión, nunha rápida transición ofensiva visitante Mali anotaba en propia porta no seu intento de despexar un remate franco do Poio culminando unha contra.
Con todo perdido, as locais optaban polo xogo de cinco nos instantes finais, pero os seus múltiples remates foron atallados pola zaga dun Poio Pescamar firme en labores defensivos que acabou levándose os tres puntos en xogo.
LEGANÉS (4): María de Val; Mónica, Laura Uña, Patri Montilla e Mali (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ángela, Sandra (segunda porteira), Puche, Ampi, Saki e Lucía.
POIO PESCAMAR: Silvia; Ceci, Jenny Lores, Iria e Patri (quinteto inicial). Tamén xogaron, Cárol, Yoli e Vanesa Bugallo.
Árbitros: Daniel de Diego Sánchez e Luís Manuel Manso Martín (Madrid). Amoestaron a Bea Torija, Laura e Móni no Leganés e con dobre amarela a Cárol (28`) no Poio Pescamar.
Goles: (0-1) Minuto Patri Corral. (0-2) Minuto 4: Iria Saeta. (0-3) Minuto 4: Iria Saeta. (1-3) Minuto 14: Ángela. (2-3) Minuto 16: Mónica. (3-3) Minuto 30: Luci. (4-3) Minuto 34: Puche. (4-4) Minuto 35: Jenny Lores. (4-5) Minuto 37: Mali (propia porta).
Incidencias: Pavillón A Fortuna (Leganés). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Silvia Aguete xogará o Torneo IV Nacións
Por Redacción |
-
Poio Pescamar queda co mel nos beizos na última xogada do partido ante Burela (2-2)
Por Redacción |
-
Acudir vestido de vermello ao pavillón da Seca ten premio
Por Redacción |
-
Difícil saída a Leganés para un Poio Pescamar en bo momento
Por Redacción |
-
Silvia Aguete consolídase na Selección Española
Por Redacción |
-
Poio Pescamar cárgase ao invicto Roldán (2-0)
Por Redacción |