O complexo deportivo do Pontillón será xestionado pola Federación Galega de Piragüismo
Por Redacción
A Federación Galega de Piragüismo xestionará o complexo deportivo do Pontillón do Castro durante cinco anos. Así se recolle no convenio de concesión demanial que asinaron os seus responsables coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
A concesión outórgase por un período de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de cinco anos, ata un máximo de 75 anos.
Deste xeito, a Federación Galega de Piragüismo obtén a concesión para levar a cabo a xestión e o mantemento das instalacións, garantindo que as instalacións se manteñan en perfecto estado para desenvolver actividades deportivas, formativas, competicións ou eventos deportivos, principalmente na modalidade de piragüismo.
Ademais, deberá impulsar e favorecer o uso das instalacións a favor das diferentes modalidades deportivas náuticas que puideran beneficiarse das características deste campo de regatas así como do resto da infraestrutura destas instalacións en beneficio do crecemento e desenvolvemento do deporte galego.
En concreto, a Xunta sinala que faise necesario optimizar o centro en beneficio tamén doutras modalidades como a natación, o tríatlon ou a vela e outros deportes náuticos olímpicos ou non que poidan enriquecerse co uso desta instalación náutica para o crecemento e desenvolvemento do deporte en Galicia.
O goberno galego, que construíu este complexo, sinala que para unha maior visibilidade e promoción do deporte galego dentro e fóra da comunidade, precísase que este campo de regatas estea en perfecto estado, non soamente para o desenvolvemento da actividade deportiva e competicións deportivas autonómicas, senón como sede para albergar nela campionatos nacionais e internacionais en diferentes modalidades deportivas.
Relacionadas:
-
A Federación Galega de Piragüismo valora renunciar á xestión do complexo de Pontillón do Castro
Por Redacción |
-
Obxectivo mundial para o piragüismo pontevedrés
Por Redacción |
-
Federación Galega de Piragüismo e Xunta asinan o convenio para o mantemento do Pontillón do Castro
Por Redacción |
-
Atrasos no pagamento da Xunta empuxan á Federación Galega a cortar a auga quente no Pontillón do Castro
Por Redacción | Creada e actualizada