29 de xullo, data escollida para a sexta edición da carreira +10 Marín de homenaxe a Manuel Rosales
Por Redacción
Unha das principais citas deportivas do verán marinense terá continuidade este ano coa súa sexta edición, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de xullo.
É a data escollida para a celebración da carreira popular +10 Marín Ence Manuel Rosales, proba que aspira a chegar nesta ocasión aos 800 participantes.
Como novidade, e pensando no futuro na posibilidade de celebrar en Marín o Campionato Galego de 10.000 metros, a organización iniciou os trámites para homologar o percorrido ante a Federación Galega e a Real Federación Española de Atletismo.
A sexta edición da +10 Marín manterá a súa esencia no percorrido, paralelo ao porto e que penetrará nas instalacións da Escola Naval Militar, estando previsto o seu inicio para as 21:00 horas.
As inscricións, que varían desde os 5 ata os 8 euros en función da data de formalización, permanecerán abertas ata o día 26 de xullo na web www.cronotec.es.